Allariz inicia a conta atrás para a celebración da Festa do Boi 2023 que terá lugar do 3 ao 11 de xuño. Integrantes da Asociación Cultural Xan de Arzúa, encargados da organización da Festa, acompañados pola alcaldesa, Cristina Cid presentaron a imaxe e programación desta nova edición. No acto de presentación celebrado na Fundación Vicente Risco tan estivo presente Antonio Blanco representante da Fundación Vicente Risco.

Como nos explicou Juan Antonio Seara, representante de Xan de Arzúa, a imaxe desta nova edición foi froito dunha colaboración coa Fundación Vicente Risco. Con motivo do 60 aniversario do falecemento de Vicente Risco, a Fundación cedeu uns debuxos de Vicente Risco nos que aparecen representados gando vacún, feiras ou escenas do rural. Ademais utilizáronse tamén para o pano, as camisetas e para a programación.

Ademais neste 2023 tamén se cumpren os corenta anos da recuperación da Festa. Corría o ano 1983, cando un grupo de mozos alaricanos decidiron recuperar que un boi percorrera as rúas de Allariz, e grazas a elo festexaremos nesta edición o corenta aniversario.

Así mesmo Antonio Blanco, membro da Fundación Vicente Risco, explicou que no proceso de catalogación de material gráfico que a Fundación está a realizar nos fondos, apareceron varios debuxos de gando, que Vicente Risco utilizaba para ilustrar os estudos que estaba a realizar.

Para pechar o acto de presentación, tomou a palabra a alcaldesa de Allariz. Cristina Cid resaltaba “a importancia de saber de onde xurde a Festa, de cara onde se quere ir para que actividades coma esta se consoliden no paso do tempo”. Así mesmo agradecía aos membros da Asociación Cultural Xan de Arzúa a súa implicación altruísta na Festa. “ É unha festa organizada por persoas de Allariz para Allariz” nos explicaba Cristina. Ademais lembraba a importancia desta actividade para o pobo de Allariz, “que consegue que tanto persoas que naceron aquí como as que decidiron asentarse no Concello a vivir, participen tanto na organización con durante a celebración”.

Máis de 50 actividades para todos os públicos.

Durante 9 días desenvolveranse máis de 50 actividades. Música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as saídas do boi centrarán, un ano máis, a programación festiva.

A Asociación Xan de Arzúa aposta polo carácter cultural e histórico da festa potenciando actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 600 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi.

Os nenos e nenas terán o seu espazo na Festa coa programación de actividades como as saídas do boi infantil, o espectáculo de monicreques creado polos centros de ensino de Allariz, o Pistaboi, a merenda infantil ou a actuación do mércores a tarde.

A música, como é habitual, terá unha importante presenza na Festa contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestras, e os tradicionais Zés Pereiras, entre outros.

A Festa do Boi conta cun orzamento de arredor de 82.000 euros, sufragado pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución, así coma entidades colaboradoras.

PROGRAMACIÓN 2023