Cando aínda falta un mes para despedir o ano, Allariz anuncia que xa está aberto o prazo de inscrición para “A Derradeira 2025”, a carreira solidaria que se celebrará o mércores 31 de decembro e que cada ano reúne a persoas de todas as idades polas rúas do casco histórico.
A programación comezará ás 16:00 horas coa proba infantil e continuará ás 16:30 horas coa categoría adulta. Para participar en calquera das dúas probas é obrigatorio inscribirse previamente, e o prazo permanecerá aberto ata o 30 de decembro.
A inscrición debe realizarse na Piscina Municipal, chamando ao 988 442 083 ou enviando un correo a piscina@allariz.gal, indicando nome, idade, DNI e teléfono de contacto.
O evento manterá o seu carácter solidario mediante a iniciativa “1 kg de alimentos por 1 dorsal”: o día da carreira será preciso entregar un quilo de alimentos non perecedoiros para recoller o dorsal, que se destinarán a Cáritas Allariz.
O Concello anima á veciñanza e visitantes a sumarse a esta cita deportiva e festiva, xa consolidada como unha das formas máis especiais de despedir o ano en comunidade.