A escola de formación Doulas Sororas comeza a súa terceira edición. As mulleres de Nanín, O Mato e San Mamede de Urrós son as destinatarias do novo curso dirixido á reflexión, segundo explica a técnica de igualdade, Ana Cardoso “sobre como nos convertemos en homes e mulleres, que sentimos e que somos, para seguir entendendo a diversidade”.

A escola tamén acollerá, nesta terceira edición, formación sobre primeiros coidados con Carla Sebastián Pégolo, enfermeira especializada en traballo con mulleres,  e en escoita con Berta Vega Villaamil.

Doulas Sororas nace hai tres anos coa finalidade de formar grupos de mulleres rurais na convivencia “para que sexan axentes activos e para que potencien relacións de apoio mutuo e de comprensividade entre a comunidade”. Para conseguir este obxectivo as mulleres  fórmanse, entre outros,  en temas relacionados coa violencia de xénero para poder acompañar en situacións que acontecen no seu entorno.