Dende hoxe e ata o venres terá lugar en Allariz a primeira Escola Sexolóxica de verán que baixo o lema “Educación Sexual  sen medo” organizou a área de Igualdade en colaboración co Instituto de Sexoloxía Incisex.

Co obxectivo de reflexionar sobre a educación sexual na adolescencia e entender ao individuo como un ser sexuado desenvolverase ata o venres a primeira Escola Sexolóxica de Verán que reúne no Fogar dos Maiores a numerosos/as expertos/as para afondar na identidade sexual dos individuos, máis alá dos conceptos tradicionais que rodean esta temática.

A técnica de Igualdade, Ana Cardoso foi a encargada de abrir as ponencias coa charla “Sexoloxía en Allariz: historia dun bonito encontro”, centrada en explicar as orixes da iniciativa. A xornada inaugural completouse coa presenza do director do Instituto de Sexoloxía (Incisex), Efigenio Amezúa, que rematou co espectáculo de danza Rosa, a cargo de Nuria Sotelo.

Charlas e obradoiros completarán a programación desta primeira edición da escola sexolóxica. Este traballo, entendido como interxeracional, plasmarase ademais nas actividades simultáneas que se celebrarán na Casa da Mocidade con adolescentes e o contador que visitará o espazo Concilia Verán, para formar ós máis cativos en materia de identidade sexual.