Dende o 26 de xuño ata o 26 de setembro do 2021, poderase visitar no Museo do Coiro de Allariz, a exposición “En cueros do artesán Luis Rioja González.

A exposición amosa unha obra ecléctica, con diversidade de formatos, técnicas e procesos. Durante todo o percorrido pódense ver obras que apostan por un maior clasicismo, realizadas coa técnica de repuxado e outras cunha maior carga experimental dende o punto de vista formal e técnico, pasando por obras de gran formato que mesturan pintura e escultura.

A escultura en coiro é un elemento de especial relevancia na mostra. A técnica e o formato de execución son aspectos variables en varias das pezas escultóricas. A exhibición conta tamén con diversas propostas de complementos onde o bolso é o principal protagonista.

Os visitantes que decidan achegarse a esta exposición, toparánse cunha representación das posibilidades das que goza o coiro dentro da experimentación artística, máis alá das técnicas e uso tradicionais.

O Museo do Coiro, que no seu día foi a Fábrica de Curtidos da familia Nogueiras, é unha edificación do século XVIII situada na beira dereita do río Arnoia, no parque Portovello. Trátase dun claro exemplo de florecente industria que fixo da vila de Allariz un importante referente relacionado co curtido de peles.