Allariz acolle a fin de semana do 12 e 13 de novembro, a XXVI Feira de Outono. Un evento gastronómico que ten por obxectivo promover, potenciar e valorizar os produtos desta estación. Así, no pavillón do Instituto de Allariz de 10.30 a 20.00h trinta e catro produtores galegos do Bierzo e Portugueses venderán mel, cogomelos, noces, castañas e os seus derivados, entre outros.

A feira complementase cunha programación pensada para mostrar e exaltar o produto do Outono . Demostracións de cociña ao vivo, obradoiros para os máis pequenos, saída ao monte para recoñecemento de cogomelos, catas de produto e charlas ademais de sorteos para todos os que se animen a mercar, completan o programa desta fin de semana. A semana que entra saíra a programación para que todas aquelas persoas interesadas en participar nas actividades a consulten. 

Despois da pandemia a feira recupera tamén o seu espazo gastronómico para que visitantes podan degustar pratos típicos destas datas. Ademais os restaurantes da vila ofrecerán menús e tapas elaboradas con produtos de outono e sortearán unha comida para dúas persoas entre aqueles que desgusten o menú nalgún dos establecementos participantes.

É moi importante coñecer e valorar o produto que temos ao noso carón,temos unha despensa de excelente calidade saudable, que xera actividade económica entre os nosos veciños e chega directamente ao consumidor. Un proceso no que é preciso que todos nos impliquemos para facer, máis sostible e xusto o modo de consumo no que estamos inmersos.