O pasado domingo remataba a Festa do Boi 2018, unha edición marcada, principalmente, pola afluencia masiva e a ausencia de incidentes.

Cando pasan dous días despois do peche da Festa do Boi o Concello de Allariz fai unha valoración moi positiva dunha nova edición da festa. O alcalde de Allariz, Francisco García, destacaba a alta participación xeral nas actividades programadas, principalmente no domingo histórico, coa representación teatral, e pola semana, a especial participación nas actividades infantís. A cea popular do xoves superou as 2.200 persoas. “Foi unha fin de semana masiva cunha afluencia récord o sábado día 2 de xuño”.

Ademais compre destacar o bo ambiente vivido durante as celebracións e a ausencia de incidentes tanto nas carreiras como nas actividades nocturnas, grazas ao incremento na seguridade ao que contribuíron axentes de forzas e seguridade do estado, protección civil e asistencia sanitaria.

O ambiente festivo estivo marcado polas actuacións musicais na rúa con gaiteiros, batucadas ou a tradicional treboada dos Zés Pereiras, ademais de charangas e orquestras.

Remata unha nova edición da festa do Boi contando, xa, os días que restan para a próxima edición 2019.