A III Escola Sexolóxica de Verán de Allariz terá lugar dende o 26 ao 28 de agosto, sendo o tema desta edición “O coidado dos sexos: diálogos entre a saúde e a sexoloxía. A organización desta iniciativa vén da man da área de igualdade do Concello de Allariz, en colaboración co Instituto de Sexoloxía Incisex, có que mantén un convenio dende fai catro anos. Como explicaba Maribel Poisa, concelleira de Benestar Social, o traballo en igualdade no Concello de Allariz xa é un referente, traballando pola convivencia, neste caso a través da sexoloxía.
Beatriz Pérez, técnica de igualdade, explicaba que esta terceira edición céntrase no coidado de cada persoa, de cada individuo, porque somos persoas con diferentes casuísticas e peculiaridades. A través da escola sexolóxica podemos pensar, conversar e reflexionar con outras profesionais da saúde sobre o tema.
Así mesmo Uxía Fernández, educadora familiar do Concello de Allariz,  comentou que a través da sexoloxía pódese aportar diferentes claves para traballar o que está a pasar por mor da etapa que se viviu ca pandemia e como iso nos influíu como persoa.
Durante estes tres días organizaranse diferentes eventos, charlas e actividades que pretenden mellorar o coidado dos sexos. Ademais das charlas teóricas con contidos sexolóxicos haberá obradoiros, relatorios e mesas redondas sobre temas tan importantes como a endometriose, os sexos e o cancro de mama ou a sexoloxía en relación a outras intervencións profesionais como pode ser a psicoloxía, a xinecoloxía ou a dunha matrona.
Tamén haberá outras actividades como a visita guiada ao Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que este ano ten como tema principal “Xardíns terapéuticos, deseños que curan”, o que remarca a importancia dos espazos verdes para a saúde tanto física como mental das persoas.
A capacidade de inscrición é limitada e o seu prezo será de 40€ se te matriculas antes do 30 de xuño. A partir do 1 de xullo e ata o 31 o prezo da matrícula será de 50€. A adxudicación de praza realizarase por  orde de inscrición. O alistamento a esta actividade pode facerse a través do teléfono 988 55 40 59, ou ben, a través do correo electrónico fogardosmaiores@allariz.gal.

Para máis info podes consultar aquí a programación