O FLAZ 2024 revela a súa trama: escribir e publicar non son a mesma cousa

Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marta Orriols, Berta Dávila, Marina Penalva e Bernat Fiol, no Festival Literario de Allariz os días 5 e 6 de xullo

A terceira edición do FLAZ achégalle ao público a figura dos axentes literarios

Volve o FLAZ a Allariz co obxectivo de consolidar un espazo de encontro entre a comunidade lectora e todas aquelas persoas que forman parte da cadea de valor do libro. Os días 5 e 6 de xullo o Festival Literario de Allariz acolle os autores Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marta Orriols e Berta Dávila, e os axentes literarios Marina Penalva e Bernat Fiol. Unha figura fundamental no sector editorial, a dos axentes, pouco coñecida para o público, que poderá saber máis do seu papel de maneira directa durante o FLAZ. O Festival Literario de Allariz (FLAZ), nacido en 2022, é un proxecto de acción para a promoción e o fomento da lectura, que reúne durante dúas xornadas figuras da narrativa peninsular, da man da libraría Aira das Letras e do Concello de Allariz. En 2023, a segunda edición do FLAZ contou ademais co apoio do Ministerio de Cultura a través da liña de axudas de promoción do libro e da lectura. Hoxe 14 de xuño presentouse esta terceira edición no Concello de Allariz coa participación da alcaldesa, Cristina Cid, da concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo, María López, e do director do festival, César Lorenzo.

Memoria e historia na novela’, un diálogo entre Antón Riveiro Coello e Carlos Meixide, será o primeiro encontro deste terceiro FLAZ, na tarde do 5 de xullo na Sala de Exposicións A Fábrica de Allariz. Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual, con obra traducida a varias linguas. Entre os seus últimos libros premiados destacan Hotel Carioca, Premio Álvaro Cunqueiro, 2022, O paraiso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019 e A ferida do vento, Premio Frei Martín Sarmiento 2016. Pola súa banda, Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977) é xornalista e escritor; en 2005 lanza O home inédito, que foi a primeira novela galega publicada en Internet e autoedita os seus libros para público mozo e adulto desde 2015. Entre eles destaca a serie de ‘Os cinco de Ons’. En 2021, lanza xunto á escritora Berta Dávila, o selo editorial Rodolfo e Priscila, e en 2023 publica con Xerais a novela histórica Viva a Comuna. A súa novela Camiño de paixóns gañou o I Premio de Novela Camiño de Santiago no 2019.

Todo o que quixo saber sobre os axentes literarios e nunca se atreveu a preguntar’ é o título do diálogo entre Marina Penalva e Bernat Fiol, que terá lugar o sábado 6 de xullo ás 12h na Fábrica de Allariz. Casanovas Lynch, con sede en Barcelona, é a axencia literaria na que Marina Penalva desenvolve a súa actividade profesional desde 2019. Trátase dunha axencia especializada en autores literarios de España e América Latina (Javier Marías, Juan Gabriel Vásquez, Manuel Jabois, Juan José Millás, Mariana Enriquez, entre outros), onde Penalva se encarga da xestión dos dereitos domésticos, de tradución e tamén audiovisuais dun grupo de autores (Andrea Abreu, Irene Solà, Irene Vallejo, Munir Hachemi, Gabi Martínez, Miguel Ángel Hernández, Karina Sainz Borgo ou Brais Lamela, entre outros). Casanovas Lynch conta cun catálogo de autoras e autores que ademais, destaca, por desprazar os eixos da literatura actual fóra da ponte Madrid-Barcelona. No caso do mallorquín Bernat Fiol, tras traballar como axente a tempo completo na axencia literaria Antonia Kerrigan, fundou SalmaiaLit en 2008. É axente de autores de gran prestixio como Eider Rodríguez, Miquel Martín, Raül Garrigasait e Eva Baltasar, entre outros. Dez anos antes, en 1998, instalarase en Barcelona para estudar Filoloxía Inglesa e desde 2001 traballa no sector editorial. Ademais traballou como libreiro no centro cultural e libraría Espai Mallorca e colaborou esporadicamente cos departamentos de prensa dalgunhas editoriais.

Xa na tarde do sábado, encontro entre dúas autoras: Marta Orriols e Berta Dávila baixo o título ‘A vida cotiá como materia prima na literatura actual’. Marta Orriols, que vive e traballa en Barcelona, debutou como escritora co libro de contos Anatomia de les distàncies curtes (2016), que, xunto coa novela Aprender a falar coas plantas (2018), Dolça introducció al caos (2020) e A posibilidade de chamarlle casa (2023) recibiron o aplauso do público e os eloxios da crítica. A súa obra está traducida a dezaseis idiomas. A compostelá Berta Dávila recibiu dúas veces o Premio da Crítica Española en lingua galega, polo poemario Raíz da fenda (2013) e a pola novela Carrusel (2019), que tamén gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve, que tamén gañara con O derradeiro libro de Emma Olsen (2013). Con Os seres queridos (Xerais, 2022), obtivo o Premio Xerais de Novela, o premio Follas Novas ao mellor libro de narrativa de 2022, e o premio da Crítica Galicia. Un elefante na sala de estar foi Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil no 2022. Algúns dos seus libros foron traducidos ao castelán, ao catalán, ao inglés e ao italiano. A súa última novela é A ferida imaxinaria (2024).

Escribir e publicar non son a mesma cousa”. Así se titula a mesa redonda coa que a programación do FLAZ 2024 rematará o sábado ás 19.30 coa participación de todas as figuras convidadas: Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marina Penalva, Bernat Fiol, Marta Orriols e Berta Dávila. Conversas, sinaturas e visitas ao patrimonio da zona formarán parte desta fin de semana de festexo da lectura e do libro. Ademais do Concello de Allariz, o FLAZ conta co apoio de diferentes establecementos e empresas da contorna como Xeitura Patrimonio Sociedade Cooperativa, Fina Rei, os restaurantes Fio de Liño e Alarico, a libraría Maruxairas e Aira Editorial.

Anteriores edicións

Autoras e autores tan recoñecidos, premiados e con milleiros de lectores como Katixa Agirre, Diego Ameixeiras, José Ovejero, Emma Pedreira, Edurne Portela e Juan Tallón, participaron na primeira edición. O primeiro FLAZ reuniu a autores galegos e do resto da península, poñendo o foco na escrita en diferentes linguas e creando un espazo e un tempo de encuentro entre a comunidade lectora e os creadores. Desde Aira das Letras considérase o proxecto como unha extensión natural do labor das librarías e do seu compromiso cos autores, coa comunidade lectora e coa contorna local. Máis sentido tivo, se cabe, naquela primeira edición retomar o contacto directo entre autores e público tras a pandemia. O listón quedou alto e na segunda edición, en xullo de 2023, participaron Marta Sanz, Belén Gopegui, Javier Peña e Blanca Riestra. O FLAZ quere ser reflexo de toda a cadea de valor do libro e nesa segunda edición, ademais de autores, convidou a dous coñecidos editores en castelán e galego como son Constantino Bértolo e Moisés Barcia.

PROGRAMA FLAZ 2024

A Fábrica, Allariz. Entrada libre ata completar aforo

Venres 5 xullo

19:30. ‘Memoria e historia na novela’. Diálogo entre Antón Riveiro Coello e Carlos Meixide

Sábado 6 xullo:

12:00. ‘Todo o que quixo saber sobre os axentes literarios e nunca se atreveu a preguntar’.

Diálogo entre Marina Penalva e Bernat Fiol

Sábado 6 xullo:

17:30. ‘A vida cotiá como materia prima na literatura actual’.

Diálogo entre Marta Orriols e Berta Dávila

Sábado 6 xullo

19:30. ‘Escribir e publicar non son a mesma cousa’.

Mesa redonda con todos os convidados: Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marina Penalva, Bernat Fiol, Marta Orriols e Berta Dávila.

Comunicación FLAZ (Festival Literario de Allariz)

Arancha Estévez

comunicacion@airadasletras.gal / tel. 627 926 446

BIOS FIGURAS CONVIDADAS NO FLAZ 2024

Marta Orriols

Marta Orriols (Sabadell, 1975) vive e traballa en Barcelona. Debutou como escritora co libro de contos Anatomia de les distàncies curtes (2017), que, xunto coa novela Aprender a falar coas plantas (2018), Dolça introducció al caos (2020) e A posibilidade de chamarlle casa (2023) recibiron o aplauso do público e los eloxios da crítica. A súa obra está traducida a dezaseis idiomas, entre eles o inglés, o francés, o italiano, o chiné, o árabe e o galego. A autora traballa como lectora editorial e colabora con algúns medios culturais.

Berta Dávila

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é novelista e poeta. Recibiu dúas veces o Premio da Crítica Española en lingua galega, polo poemario Raíz da fenda (Xerais, 2013) e a novela Carrusel (Galaxia, 2019). É tamén autora de O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia, 2013), Premio Repsol de Narrativa Breve, premio da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción e adaptada como novela gráfica. Con Os seres queridos (Xerais, 2022), obtivo o Premio Xerais de Novela, o premio Follas Novas ao mellor libro de narrativa de 2022, e o premio da Crítica Galicia. Algúns dos seus libros foron traducidos ao castelán, ao catalán, ao inglés e ao italiano. A súa última novela é A ferida imaxinaria (Xerais 2024).

Antón Riveiro Coello

(Xinzo de Limia, 1964). É un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual e, entre a súa obra, traducida a varias linguas, destaca Valquiria (1996), Premio Camilo José Cela; Parque Central e outros relatos (1996); A historia de Chicho Antela (1997); A quinta de Saler (Galaxia, 1999), Finalista Premio Torrente Ballester; Animalia (Galaxia, 1999), Premio Café Dublín; As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Premio García Barros; Homónima (Galaxia, 2001), Premio Álvaro Cunqueiro; Cartafol do Barbanza (2002); A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003); Limaiaé (2005); Casas Baratas (Galaxia, 2005); A voz do lago (Galaxia, 2007), Os ollos de K (Galaxia, 2007), Finalista Premio Novela Europea Casino de Santiago; As pantasmas de auga (2010); Laura no deserto (Galaxia, 2011), Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG e Premio Frei Martín Sarmiento; Acordes náufragos (Galaxia, 2013); Os elefantes de Sokúrov (Galaxia, 2015), Premio Fervenzas Literarias; A ferida do vento (Galaxia, 2016), Premio Frei Martín Sarmiento; Á sombra dos bonsais (Galaxia, 2017); e O paraiso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019 (Galaxia, 2020).

Carlos Meixide

Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977) é xornalista e escritor. A súa primeira novela, O home inédito (2005), foi a primeira novela galega publicada en Internet. Autoedita os seus libros para público mozo e adulto desde o 2015. Entre eles destaca a serie «Os cinco de Ons», protagonizada por unha cuadrilla de adolescentes que se xunta nas vacacións arredor de diferentes misterios, e da que forman parte Ons (2015), Cans (2016), Guitiriz (2017), Arousa (2018) e Portugal (2022). É tamén autor de Inge e Robbie (2016), A memoria dos meus pasos (2017) e Camiño de paixóns (2019), que recibiu o I Premio de Novela do Camiño de Santiago. En 2023 publicou en Edicións Xerais de Galicia unha novela histórica: Viva a Comuna, e unha novela infantil: Ánxela e Spencer

Marina Penalva

Marina Penalva (Valencia, 1980) graduouse en Comunicación Audiosual pola Universitat Autónoma de Barcelona e completou os seus estudos en Munich e Copenhague. Traballa desde hai máis de 20 anos no sector editorial, como axente literaria e como editora de ficción e non ficción. No ano 2019 incorpórase a Casanovas & Lynch, axencia literaria especializada en autores literarios de España e América Latina (Javier Marías, Juan Gabriel Vásquez, Manuel Jabois, Juan José Millás, Mariana Enriquez, entre outros), onde se encarga da xestión dos dereitos domésticos, de tradución e tamén audiovisuais dun grupo de autores (Andrea Abreu, Irene Solà, Irene Vallejo, Munir Hachemi, Gabi Martínez, Miguel Ángel Hernández, Karina Sainz Borgo ou Brais Lamela, entre outros) ademais da representación internacional dun crecente número de editoriais asiáticas.

Bernat Fiol

Bernat Fiol naceu en Mallorca en 1980. En 1998 trasladouse a Barcelona para estudar Filoloxía Inglesa e en 2001 empezou a traballar no sector editorial como bolseiro na axencia literaria Pontas. Ao mesmo tempo traballou como libreiro no centro cultural e librería Espai Mallorca e colaborou esporadicamente cos departamentos de prensa dalgunhas editoriais. Tras traballar como axente a tempo completo na axencia literaria Antonia Kerrigan, fundou SalmaiaLit en 2008.