O festival Allariz debuxado chega a súa IV edición, cun amplo programa no que destacan as conferencias no Fogar do Maior de ilustradores de primeiro nivel coma David Lafuente, Ester García e Tomás Hijo.

O evento celebrarase o vindeiro venres 31 de Xaneiro e Sábado 1 de Febreiro en Allariz e contará coma actividade paralela, coa III feira da Creación que terá (se o tempo o permite) por primeira vez lugar nun espazo exterior (praza de abaixo). Nesta feira participarán arredor de 20 expositores.

O festival está organizado por Aira Editorial, Aira das letras, Punto e Coma, Espazo Ben común, Maruxairas , as escolas de Arte Antonio Faílde de Ourense e Pablo Picasso de A Coruña e polo Concello de Allariz.

As xornadas complementaranse cun concerto no café bar Catro Portiñas de “Piratas sen Parche” o venres 31 as 23.00h e cas presentacións da novela gráfica “Grandarroiba” de Cristian F. Caruncho e as micropresentacións de artistas emerxentes que se levarán a cabo na Fundación Vicente Risco o longo do sábado.

Coma clausura do Festival Manel Cráneo falará da experiencia de Demo editorial (referente en novela gráfica e cómic en galego) o sábado as 17:00 horas, tamén na Fundacion Vicente Risco.

Para o Concello de Allariz, a súa alcaldesa Cristina Cid manifesta que “ iniciativas deste nivel creativo son moi importantes para un proxecto coma o de Allariz, ter tal potencial reflectido nos alumnos/as das escolas de Arte que participan nestas xornadas ponnos no mapa e axuda a consolidar o calendario de eventos culturais de Allariz.”

Para Cesar Lorenzo, de Aira editorial, vese consolidado un proxecto que nace das escolas de arte, para fortalecer a idea de Allariz como vila cultural.

Destacar que este evento coincide nesta semana (30 de xaneiro) que se celebra o día Galego da Ilustración, co gallo do nacemento de Castelao.