Dende a área de igualdade e en colaboración coa área de cultura do Concello de Allariz, estase a desenvolver en distintas asociacións veciñais de Allariz, un proxecto que leva por título “ A Memoria das Aldeas”.

Este proxecto xorde en colaboración coa plataforma a Galicia Nomeada e consiste na recollida da toponimia da zona, coa finalidade de evitar que desaparezan os nomes das terras, regatos, penedos, fontes, xa que moitos so existen na memoria das persoas maiores.

Este proxecto precisa da colaboración e coñecemento de todas as persoas, dende as mais maiores ás mais novas, que de maneira voluntaria, queiran colaborar para preservar e salvagardar o patrimonio colectivo, tan rico que hai no noso territorio.

O xeito de que este patrimonio toponímico siga vivo e a través da difusión e dun traballo colaborativo entre todas as persoas. Así nace a A memoria das Aldeas que coordina a técnica de igualdade Cristina Outeiriño.

Esta iniciativa comezou a rodar neste mes de xaneiro e prolongarase ata o mes de maio, percorrendo un total de 12 asociacións veciñais de Allariz.

As primeiras asociacións en participar neste proxecto colaborativo foron AAVV de Nanín e a de Santa Marta de Roiriz. Durante os seguintes catro meses A Memoria das Aldeas chegará a Torneiros, San Mamede de Urrós, Roimelo, Queiroás, Valverde, Coira, Meire, O Mato, Seoane, Outeiro e Gundiás.

A Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, lembra a importancia que ten recoller toda esta información para que non se perda, e agradece a todas as persoas que colaboran nesta nova iniciativa.