O Fogar dos Maiores acolleu onte a primeira xuntanza da mesa de coordinación contra a violencia de xénero do presente ano.  Na sesión participaron novos membros como as orientadoras dos centros docentes de Allariz xunto coa educadora familiar, o párroco, a xuíza e representantes da Cruz Vermella e Cáritas, que se unen aos representantes políticos, das forzas de Seguridade do Estado e sanitarios e educadores.

A través de catro sesións, a mesa de coordinación persegue un novo obxectivo para o 2019 que se centrará, segundo explica a técnica de Igualdade, Ana Cardoso, “na prevención, formación e información para que a resposta a Allariz contra a violencia de xénero sexa áxil, respectuosa e contundente, apostando pola convivencia, polo encontro e pola coordinación dos e das axentes implicados”.