O Concello de Allariz, a través da Área de Benestar Social, vén de anunciar a apertura do prazo para solicitar o servizo complementario de conciliación da Aula de Espera, dirixido a familias con nenos e nenas escolarizados no CEIP Padre Feijoo durante o curso 2025-2026.
Este servizo público ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo atención e coidado fóra do horario escolar habitual. Poderán beneficiarse as familias con nenos e nenas desde 4º de Educación Infantil ata 6º de Primaria.
A Aula de Espera distingue entre usuarios habituais, que fan uso do servizo de forma continuada, e non habituais, que o empregan de maneira puntual e xustificada. Entre os requisitos destaca que tanto o menor como algún proxenitor estean empadroados en Allariz e que se xustifique a imposibilidade de atender ao menor por motivos laborais, formativos ou de saúde.
As solicitudes poden presentarse desde o 22 de abril de 2025 ata o remate do curso escolar, sempre que non se supere o límite de 40 prazas dispoñibles. Poderán facerse de maneira presencial no Fogar dos Maiores ou a través da sede electrónica do Concello.
As tarifas varían segundo a renda familiar, e aplícanse descontos do 10% a familias numerosas, monoparentais ou con máis dun fillo/a no servizo. Os usuarios habituais pagarán mediante domiciliación bancaria, mentres que os non habituais deberán aboar o custo en efectivo directamente ao persoal responsable.
Este servizo está cofinanciado polo Concello de Allariz e busca garantir unha contorna segura e de calidade para os máis pequenos, ao tempo que axuda ás familias a compatibilizar as súas obrigas cotiás.