A piscina municipal de Allariz ven de modernizar o seu sistema de acceso ás instalacións coa implantación dunha aplicación móbil, dispoñible tanto para dispositivos Android como iOS. O novo método busca facilitar a entrada dos usuarios e mellorar a xestión do servizo.
Para comezar a utilizala, as persoas usuarias só teñen que descargar a app Provis Keypass, buscar o centro deportivo de Allariz e introducir o seu correo electrónico, no que recibirán automaticamente o código de acceso persoal. Desde o Concello lembran que, no caso de que o usuario non teña o seu email actualizado na ficha de cliente, deberá comunicalo previamente para poder completar o proceso.
A implantación desta ferramenta dixital forma parte do compromiso municipal por avanzar nun modelo de instalacións máis áxil, cómodo e adaptado ás necesidades actuais.
Na propia publicidade do servizo inclúense códigos QR que permiten descargar directamente a aplicación en cada sistema operativo, facilitando así a posta en marcha do novo acceso.
Co cambio de acceso, a piscina municipal dá un paso máis cara á modernización e mellora da experiencia dos seus usuarios.
