O 6º Poemagosto – Festival Internacional de Poesía en Allariz comeza este venres 11 e encherá, durante 3 xornadas, a vila de poesía, música, charlas e moita festa.

O venres as actividades centralízanse na terraza e interior do Bar A Fábrica, na Alameda, con poesía, unha actividade para público familiar (Duende Circo) e coa Festa de Inauguración do Poemagosto a partir das 23:00h, que incluirá tamén poesía e, sobre todo, a festa e animación musical dos pica-discos “La Sincereza”.

A xornada do sábado comezará ás 11:30h cun interesantísimo roteiro polo Festival Internacional de Xardíns (entrada gratuíta), onde o coñecido botánico e poeta Raúl de Tapia falará dende diversos puntos de vista de toda a vida e curiosidades que se agochan detrás das árbores, as plantas e os seus

ecosistemas. Esa mañá e tarde sucederanse, no patio do Museo do Coiro, unha chea de actividades -infantís, charlas, música, poesía- que farán unha pausa para o Xantar do Poemagosto ás 14:30h na Fundación Vicente Risco (necesaria inscrición previa; tícket-doazón 10€) e que se retomarán coa charla sobre poesía e filosofía en J.A. Valente e María Zambrano (a cargo de Claudio R. Fer e Mercedes Gómez Blesa), seguida de máis poesía, performances, as pandereteiras Xúa e, arredor das 19:15h, o Recital de Poesía principal do festival, onde recitan a totalidade de poetas en cartel. Ás 22:30h, o concerto do coñecido grupo tradicional-folk feminino e letras reivindicativas Habelas

Hainas, e despois o DJ Brigada Sound – Sapoconcho sem Poncho, porán o punto nocturno e musical ó sábado. A entrada para o concerto custa 6€ anticipada e 7€ o sábado, pero despois a entrada é libre e de balde para gozar da festa co DJ ata a madrugada.

O domingo será a quenda das actividades na Praza de Arriba e de Abaixo, no centro da vila, co 3º Concurso de Poesía Recitada (11:30h), unha contada infantil (12:30h), música polos bares a cargo de Ukelerria e finalizando con máis poesía e o concerto do grupo de música indie-pop galego Atrás Tigre (13:30h) que porá o ramo á 6ª edición deste festival internacional de poesía que se consolida ano tras ano como unha das referencias en Galiza para as e os amantes da poesía.

Toda a información e programa detallado na web poemagosto.wordpress.com