Os concellos de Allariz e Vilar de Santos, coa promoción do diario La Región e a coordinación técnica da cooperativa Xeitura, impulsan o 1º Festival de Sendeirismo Área de Allariz que se celebrará no días 25, 26 e 27 de outubro.

Co obxectivo de xuntar deporte e cultura a través de diferentes actividades de fomento e dinamización do patrimonio cultural e natural. Rutas teatralizadas, adaptadas para persoas con mobilidade reducida, fotográficas, caninas, patrimoniais, micolóxicas… conforman un programa cheo de actividades que será completado cun ciclo de conferencias e concertos.

Esta é, segundo explicaba a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, “unha iniciativa coa que pretenden ofertar unha actividade de ocio saudable que permita ao tempo dar a coñecer os nosos recursos patrimoniais”.

Programación

O programa que pode ser consultado na web celtiatravel.com, arranca na tarde-noite do venres no Concello de Vilar de Santos, onde unha ruta teatralizada dará paso a unha sesión de conferencias en colaboración coa Universidade de Vigo para explorar o carácter saudable e cultural do fenómeno sendeirista. Entre os conferenciantes estarán tamén nomes históricos do sendeirismo na provincia como José García Calvo “Willy” ou iniciativas de grande éxito que amosan as oportunidades do sendeirismo como motor de desenvolvemento local da man de Ana Canal Fraga impulsora da proba dos 8 miles do Xurés.

O peche do día será festivo con sesión de concertos na Arca da Noe de Vilar de Santos que darán paso ao groso do programa nos días 26 e 27 con ata 10 rutas con diferentes formatos agrupadas en 6 categorías: deportivas, patrimoniais, familiares, canina, fotográfica e inclusiva. “O sendeirismo é un modo de facer deporte, por suposto, pero tamén é unha oportunidade magnífica para facer unha actividade saudable coa familia ou coa nosa mascota. Pode ser un momento perfecto para facer turismo e coñecer o patrimonio natural e cultural da Reserva da Biosfera e retratalo coas nosas cámaras fotográficas aprendendo de especialistas a sacarlle todo o seu partido”, apuntaba Begoña Garrido de Xeitura e coordinadora do evento.

O ambiente de festival chegará tamén da man dos diferentes concertos programados tanto para a noite do sábado como para a sesión vermú do domingo.“E se algunha persoa non pode ou non quere participar nalgunha das rutas sempre poderá achegarse á zona do mercado onde nesta ocasión os produtos artesanais da Reserva da Biosfera convivirán tamén con material de montaña de tendas ourensás especializadas na práctica do sendeirismo. Polo que o evento pode supoñer tamén un novo pulo económico da comarca”, engadía Cristina Cid alcaldesa do Concello de Allariz.

Inscrición

Dende o día 11 de setembro xa é posible inscribirse na web celtiatravel.com e aproveitar unha oferta de lanzamento das primeiras 50 entradas. Pode reservarse praza para unha ruta ou para o festival completo.