A II Escola Sexolóxica de Verán de Allariz terá lugar dende o 26 ao 28 de agosto, sendo un dos seus temas centrais os sexos e a súas identidades. A organización desta iniciativa vén da man do Concello de Allariz, xunto coa colaboración do Instituto de Sexoloxía Incisex, có que mantén un convenio dende fai tres anos.

Unha das labores desta segunda Edición da Escola de Verán é reforzar o traballo que xa fai o Concello por sementar a igualdade, o entendemento, a diversidade e a convivencia. Tal e como sinalou hoxe a Concelleira de Benestar Social do Concello de Allariz, Maribel Poisa Rey, na presentación desta iniciativa, esta labor goza de especial relevancia actualmente debido ó latente retroceso de liberdades e ó aumento de intolerancia que está a haber na sociedade.

Durante estes tres días organizaranse diferentes eventos, charlas e actividades que pretenden mellorar a convivencia entre os sexos ao redor das súas diversas nomenclaturas , servir de ferramenta para posibilitar unha maior consciencia das novas e non tan novas identidades, facilitar vías para o acompañamento ou proporcionar as ferramentas necesarias para traballar dende o coñecemento, tanto a familias como a profesionais. Búscase crear un espazo que permita pensar, conversar e gozar. Para desenvolver estas cuestións de forma satisfactoria, a Escola Sexolóxica de Verán de Allariz conta cun cualificado e recoñecido equipo de profesionais do Instituto de Sexoloxía Incisex que desempeñarán un traballo tanto teórico como práctico. Ademais, tal e como apuntaron  Ana Pérez Cardoso e Uxía Fernández Cordeiro, técnica de igualdade e educadora familiar. respectivamente,  con este proxecto preténdese achegar as distintas maneiras nas que os sexos se explican a si mesmos e se presentan entre os demais e ás demais.

Ademais das charlas teóricas con contidos sexolóxicos que permitirán entender como se vai adquirindo a identidade, haberá tamén outras actividades como a visita guiada ao Festival Internacional de Xardíns de Allariz, un obradoiro de serigrafía e gravado sobre corpos, identidades e diversidade e uns petiscos no xardín dos maiores.

A capacidade de inscrición é limitada e o seu prezo será de 40€. O número de prazas dispoñibles é 30 e a súa adxudicación realizarase por  orde de inscrición. O alistamento a esta actividade pode facerse a través do teléfono 988 55 40 59, ou ben, a través do correo electrónico fogardosmaiores@allariz.gal.