Hoxe pola mañá, Cristina Cid e María López, alcaldesa de Allariz e concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo presentaban a programación da edición 2024 da Semana Santa ao Vivo.

Cristina Cid resaltaba como cada ano “a importancia que ten a Semana Santa ao Vivo para Allariz, dando a entrada a tempada turística. A relevancia de eventos coma este, culturais e de lecer para a veciñanza, para a súa calidade de vida, que a súa vez axudan tamén a manter esa dinamización económica tan importante para a economía local axudando a todas esas persoas que se adican ao sector comercial en Allariz”.

A música ao vivo terá, como é habitual, un protagonismo especial na programación da Semana Santa ao Vivo en Allariz, como nos explicou a concelleira de Promoción Económica María López.

Dende o 28 ao 31 de marzo, o casco histórico encherase de ritmo grazas ás actuacións de rúa de:

Elos, Noite, Eric Lepeich, Denis Carballás, Minguante, Alexandre Cabanelas e Diego Mosquera, Perrito Piloto, Piratas Sen Parche, Sanny, Dama Azul, Os Dous Porquiños e Big South.

Dende o xoves 28 ao domingo 31 tanto veciños e veciñas como as persoas que visiten Allariz poderán gozar destas actuacións en horario de 12.00 a 14.00 y de 18.00 a 20.00 horas.

María López explicounos que “este ano repetiremos o formato de dúas xornadas de actividade infantil. O venres 29 e o sábado 30 haberá en horario de mañá e de tarde actividades para que asistan as familias”. O venres será a quenda do Mago Albert, que actuará ás 11:30h na Praza do Matadoiro. Pola tarde a actuación será ás 17:00h na Praza de Abaixo. O sábado será a quenda de Cris Collazo co seu espectáculo de teatro e títeres “ Pepa a loba”, que estará no mesmo horario e localizacións que o venres o Mago. Serán ás 11:30h na Praza do Matadoiro e ás 17:00h na Praza de Abaixo.

A Semana Santa ao Vivo en Allariz, que agarda unha alta ocupación, inclúe na súa programación mercados de artesanía, gastronomía e visitas guiadas a varios recursos turísticos da contorna.

O patio do Museo do Coiro acollerá, como é habitual, dende o xoves ata o domingo, o Mercadiño de Artesanía no que participan artesáns de Allariz. Unha representación de artistas exporán as súas obras feitas en coiro, cerámica ou pedra, entre outros.

O Mercado da Reserva da Biosfera ampliará o seu horario e abrirá o venres e sábado de 10:00h a 14:00h.

Ademais destas actividades as visitas guiadas e os roteiros tamén serán unha boa opción para estes días de lecer.

Haberá visitas guiadas ao casco histórico, organizadas por Xeitura, o 28, 29, e 30 de marzo e o 1 de abril. As visitas comezarás ás 11:30h dende a Oficina de Información Turística. As visitas terán un custe que poderás consultar en Xeitura chamando ao 609 474 976. Os días 29 e 30 de marzo serán de balde, financiadas polo Concello de Allariz. 

Así mesmo Xeitura tamén ofertará do 25 de marzo ao 1 de abril visitas guiadas a Santa Mariña de Augas Santas e Armea. A saída destas visitas serán ás 10:30h dende a Oficina de Información Turística. Ademáis para facilitar as persoas que se acheguen a visitar este recurso o Concello de Allariz terá un servizod e lanzadeira do 28 ao 31 de marzo. Para consultas ou inscribirse nas visitas guiadas deberán enviar un correo a turismo@xeitura.com ou chamar ao 609 474 976.

O Rexo tamén ofertará visitas guiadas a granxa, a queixería e ao ecoespazo en horario de mañás e de tardes o 28, 29 e 30 de marzo. O 31 de marzo soamente terán visita de mañá. Podes consultar a dispoñibilidade das visitas na súa páxina web www.orexo.gal

Por outra banda a Asociación A.N.D.R.E.A oferta para a xornada do domingo baixo inscrición visitas guiadas para gozar da compañía dos burros que teñen en San Salvador dos Penedos. Todas aquelas persoas que queiran gozar dunha experiencia nun entorno natural como é a Reserva da Biosfera Area de Allariz poderán reservar a visita no correo andreaasociacion@gmail.com ou nos teléfonos 988 442 534 – 696 971 670.

Para completar a experiencia en Allariz, os museos de Allariz, Museo Galego do Xoguete, Museo da Moda e Museo do Coiro ampliarán o horario para esa semana. Estarán abertos ao público en horario de mañá e tarde (11:00h-14:00h/ 17:00h-19:00h) os días 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de marzo. Os días 25, 26 e 27 de marzo poderán ser visitados soamente en horario de mañá (11:00h-14:00h).