O Concello de Allariz e Correos presentaron hoxe o acordo polo cal se facilita á cidadanía o pago de tributos locais a través das oficinas postais e dos carteiros e carteiras rurais.
Á presentación de hoxe en Allariz asistiu a Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid Fernández, e o Xerente de Produtos e Servizos da área Noroeste de Correos, Xosé Chorén.
Grazas a este convenio, a veciñanza poderá pagar as obrigacións tributarias e outras de Dereito Público xestionadas polo consistorio nas 21 oficinas de Correos da provincia de Ourense ou en calquera das 2.370 oficinas de Correos distribuídas por todo o Estado.
Con este servizo de Correos, os alaricanos e alaricanas contan cunha canle áxil e sinxela á hora de cumprir cos seus abonos. Ademais, este acordo permite que poidan abonalos comodamente a través dos 144 carteiros e carteiras rurais da provincia, sen necesidade de desprazarse.
O pago de tributos é un dos novos servizos cos que Correos pretende facilitar o día a día dos cidadáns independentemente de onde vivan, aproveitando a capilaridade e a cobertura territorial da rede de oficinas e carteiros e carteiras rurais.