O Concello de Allariz e Universidade de Vigo celebran durante este verán o X Aniversario do comezo do proxecto Armea. Unha década de traballos no xacemento arqueolóxico da Cibdá de Armea, en Santa Mariña de Augas Santas.

Durante todo o verán realizaranse varias iniciativas que pretenden por en valor o proxecto e o patrimonio arqueolóxico como unha ferramenta de protección e desenvolvemento do territorio.

Logo da apertura da exposición “Armea, a visión dos artistas locais”, que estará na Paneira ata o 25 de Xullo, os operarios municipais colocaron nesta semana as 24 lonas que lucirán no Casco Histórico de Allariz. Esta exposición de rúa estará todo o verán, dando a coñecer estes 10 anos de traballos. Unha gran mostra gráfica á que achegarse de maneira amena e didáctica mentres paseamos polas rúas de Allariz.

A mostra está dividida en varias temáticas: As orixes, os materiais arqueolóxicos, o traballo de campo, o valor educativo, convenio, medios etc.. e varias vistas xerais inéditas da escavación.

A colección de imaxes, xurde froito do traballo de preparación  da candidatura do proxecto Armea para os premios Hispania Nostra 2021 na categoría  á Conservación do Patrimonio como factor de desenvolvemento económico e social.

As imaxes foron cedidas de diversas fontes como o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, debuxos orixinais de Conde Balvís, Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón da Coruña e do arquivo municipal do Concello de Allariz.