O Festival de Xardíns de Allariz abre o prazo de recepción de propostas para o concurso de xardíns efémeros. O tema do vindeiro ano é “Xardíns da Memoria” e evoca a historia do deseño da paisaxe, a arte e a xardinería. Paisaxistas, arquitectos, estudantes, xardineiros e todas aquelas persoas relacionadas co mundo da xardinería e o sector verde poden presentar o seu proxecto de xardín ata o 30 de novembro de 2016.

Allariz, declarado como Reserva da Biosfera, mostrou un especial interese polo medio ambiente e por isto puxo en marcha, no ano 2010, o Festival Internacional de Xardíns de Allariz co obxectivo de conseguir o seu propio espazo no panorama internacional do circuíto de tendencias fomentando e dando a coñecer a arte do xardín e a importancia do papel dos espazos verdes para mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

En 2017 levarase a cabo a 8ª edición e cada vez recíbense máis proxectos de lugares máis distantes ao longo de todo o planeta. Nestes sete anos, o Festival recibiu preto de 200 propostas de lugares como Corea, Países Baixos, República Checa, Colombia, Austria, Serbia, Italia, Francia, Brasil, Polonia, Paraguai ou Gran Bretaña. Posicionase como un punto de referencia na paisaxe ibérica e está enfocado a ser coñecido internacionalmente.

Ata o vindeiro 30 de novembro, o prazo estará aberto para presentar propostas que serán seleccionadas por un xurado de expertos no que están representadas as organizacións máis importantes do paisaxismo: asociacións, profesionais, deseñadores, artistas e o sector comercial.

Entre todas as propostas recibidas, o xurado elixirá 10 proxectos de xardíns que serán executadas e exhibidas como finalistas na edición 2017. Estes 10 xardíns competirán polo voto dos visitantes, máis de 40.000 persoas que cada ano se achegan ao Festival interesados no aumento da calidade dos proxectos que se mostran.

O concurso está aberto a todos os que desexen participar e as súas bases están dispoñibles na páxina web: www.allariz.gal/festival