O Concello de Allariz, a través da Área de Cultura, abre o prazo de inscrición para as comparsas que desexen participar no Concurso de Comparsas do Entroido 2025. O evento principal desenvolverase o martes 4 de marzo durante o Baile de Entroido na Barreira.
As comparsas que desexen participar deberán inscribirse previamente na Casa da Cultura, sendo a data límite para formalizar a inscrición o venres 28 de febreiro ás 14:00h. Como requisito, cada comparsa deberá contar cun mínimo de 10 integrantes.
O concurso premiará a creatividade, a orixinalidade e a posta en escena das comparsas participantes. Os premios establecidos para esta edición son os seguintes:
- 1º premio: 250€
- 2º premio: 200€
- 3º premio: 150€
A entrega de premios realizarase ás 20:00h do propio martes 4 de marzo. O xurado valorará a calidade dos disfraces e a súa escenificación, reservándose o dereito de declarar algún premio deserto se así o considera oportuno. A participación no concurso implica a aceptación das bases establecidas.
Para máis información, as persoas interesadas poden achegarse á Casa da Cultura, enviar un correo a cultura@allariz.gal ou chamar ao 988 440 859.
Nos vindeiros días darase a coñecer a programación de Entroido en Allariz con música e actividades para cativos e non tan cativos.