Allariz acolle a entrega do premio “Balbino” de relatos

A Casa da Cultura de Allariz acolle mañá, ás 20:00h, a presentación e entrega do premio á obra gañadora do III Concurso “Balbino” de Relatos ao libro “Máis alá do río do esquecemento”, escrito por Ricardo Ferreiro Almeda e publicado por Edicións Fervenza.

No acto de presentación, o autor estará acompañado do xornalista e escritor Alfredo Conde; a veciña de Allariz e amiga do autor Nita Ferreiro; o profesor e escritor Carlos Loureiro; o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández; e o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.

Concurso “Balbino” de Relatos

Baixo o nome de Balbino, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.

De periodicidade anual, as bases que debían cumprir as obras presentadas requirían unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres e centrarse na temática galega co rural, o mar ou a emigración como protagonista. Nesta terceira edición, presentáronse un total de 21 orixinais.

A obra

Os membros do xurado (composto polos escritores Carlos Loureiro, Maica Caramés Gorgal, Rosalía Morlán, Armando Requeixo e Ánxela Gracián) estimaron que, en referencia a “Máis alá do río do esquecemento”: “este conxunto de relatos ofrece a recreación do mundo xenuíno do rural limego, polo que transitan personaxes de innegable atractivo que protagonizan historias ben diversas con finais decote sorprendentes. Escrito cunha estética depurada, sólida caracterización dos personaxes e habelencioso entretecido das tramas, este feixe de relatos salienta tamén pola acaída revisitación da mitoloxía e o lendario popular de noso”.

2018-12-26T11:58:56+00:00jueves, 20/12/2018|ACTUAIS, EVENTOS, NOVAS ALLARIZ|
X