A XXVII Feira de Outono de Allariz achegará nos días 11 e 12 de novembro a unha trintena de produtores. Este evento gastronómico ten como obxectivo principal promover e destacar os produtos da estación de outono. No pavillón do Instituto de Allariz, 30 produtores galegos, do Bierzo e portugueses, venderán unha variedade de produtos, incluíndo mel, cogomelos, noces, castañas e os seus derivados, entre outros, das 10h30 ás 20h durante a fin de semana.

Alén da venda de produtos, a feira ofrece unha programación completa que inclúe demostracións de cociña en vivo, obradoiros para os máis pequenos, saídas ao monte para recoñecer cogomelos, probas de produtos, etc. Tamén se realizarán sorteos para aqueles que se animen a facer compras.

A semana que vén, publicarase o programa completo de actividades para que todas as persoas interesadas podan consultalo, aínda que xa podemos avanzar que tanto sábado como domingo haberá saída ao monte para recoller cogomelos da man de José Gómez Bragaña, especialista do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán. Para participar nesta saída é preciso formalizar a inscrición no correo dinamizacioneconomica@allariz.gal, indicando o nome completo e o nº de teléfono e o día no que se anota.

O espazo gastronómico estará para que os visitantes poidan degustar pratos típicos da estación de outono. Ademais, os restaurantes da vila ofrecerán menús e tapas elaboradas con produtos de outono e sortearán unha comida para dúas persoas entre aqueles que probe o menú nalgún dos establecementos participantes.

É fundamental recoñecer e valorar os produtos que temos ao noso alcance, xa que contamos cunha despensa de excelente calidade e saudable que xera actividade económica entre os nosos veciños e chega directamente ao consumidor. Este é un proceso no que é importante que todos nós nos involucremos para facer máis sostible e xusto o modo de consumo no que estamos inmersos.