O vindeiro domingo 28 de setembro, Allariz volverá encherse de ciclistas coa celebración da III BTT Allariz, organizada polo Concello xunto cos clubs Asocial e CC Allariz. A saída será ás 9.00 horas dende a Alameda, ao carón do Boi de Pedra, e a meta estará situada no Campo da Vilanova.
Trátase dunha marcha non competitiva pensada para desfrutar da bicicleta e da contorna natural, cun percorrido adaptado a diferentes niveis. Haberá unha ruta máis accesible, de 23 quilómetros, e outra máis longa e esixente, de 45. Ambas estarán sinalizadas e contarán con puntos de avituallamento para facer máis levadeira a experiencia.
O prazo de inscrición abrirase o 1 de setembro e pecharase o día 24, con límite de 250 prazas. O prezo é de 18 euros e as persoas participantes recibirán unha bolsa de corredor cun agasallo conmemorativo. As inscricións poden formalizarse a través da seguinte ligazón: 👉 https://sportmaniacs.com/c/iii-btt-de-allariz.
O concelleiro de Deportes de Allariz Casrlos Puga subliñou que esta cita é “unha oportunidade para fomentar a actividade física e os hábitos de vida saudables, ao tempo que poñemos en valor o noso territorio a través da práctica deportiva”. Engadiu ademais que a BTT “convirte cada ano Allariz nunha festa para os amantes da bicicleta, un día para compartir entre amigos e familias a paixón polas dúas rodas”.
A organización habilitará espazos de aparcamento, duchas e lavado de bicicletas, de maneira que todo estea preparado para que a xornada sexa tan cómoda como inesquecible.
Dende o Concello fan un chamamento a participar e vivir unha experiencia que combina deporte, natureza e convivencia, consolidándose xa como unha das citas deportivas de referencia no calendario alaricano.