Xa van 16 anos, que o Concello de Allariz, a través da Concellería de Benestar Social, organiza a comezos de outubro as Semanas das e dos Maiores. Como cada 1 de outubro, sumámonos á conmemoración do Día Internacional das Persoas de Idade, destacando a relevancia deste colectivo na nosa sociedade. Con esta iniciativa, reivindícase que as persoas maiores non só contan, senón que tamén contribúen e achegan valor, subliñando o seu papel activo e a súa participación na vida comunitaria.

A XVI edición destas actividades, que se celebrarán do 30 de setembro ao 11 de outubro baixo o lema “Tempo de goce!”, foi presentada por Tania Álvarez, concelleira de Benestar Social, e Sonia Paz, educadora de maiores. Ambas destacaron a importancia desta iniciativa, que desde hai máis dunha década promove o recoñecemento e a participación activa das persoas maiores en Allariz.

Ao longo de 2 semanas, terán lugar diversas propostas e actividades nas que se contemplan as diferentes dimensións do envellecemento activo, poñendo en valor o recoñecemento por parte de toda a sociedade cara os e as maiores.

Programa de actividades:

  • Andaina: O 30 de setembro comeza a programación cunha andaina pensada para desfrutar da natureza e compartir momentos entre a veciñanza maior de Allariz.
    • Inscricións: do 23 ao 27 de setembro.
  • Obradoiro: “A que tivo retivo! A sexualidade en mulleres maiores”: O día 2 de outubro, Carla Sebastián Pegolo impartirá este obradoiro dirixido a mulleres maiores, co obxectivo de visibilizar e reflexionar sobre a sexualidade na idade madura.
    • Inscricións: do 23 de setembro ao 1 de outubro.
  • Viaxe á cidade de Lugo: O 8 de outubro organizarase unha excursión a Lugo, unha oportunidade para coñecer mellor a historia e cultura desta cidade galega.
    • Inscricións: do 23 de setembro (a partir das 09:00 h) ata o 2 de outubro (ata as 14:00 h).
  • Cea e verbena: O 11 de outubro, como colofón ás semanas, celebrarase unha cea seguida dunha verbena, onde a diversión e o bo ambiente estarán garantidos.
    • Inscricións: do 23 de setembro ata o 8 de outubro (ata as 14:00 h).

 

Todas as inscricións deben formalizarse de xeito presencial no Fogar dos Maiores de Allariz.

Convidámosvos a todas a participar e gozar nestas datas, porque vós sodes as e os verdadeiros protagonistas.

Inscricións: Para participar nas actividades, as persoas interesadas deben formalizar as inscricións presencialmente no Fogar dos Maiores.

Para máis información, pódese contactar a través do teléfono 988554059 ou do correo electrónico fogardosmaiores@allariz.gal.