Allariz acollerá, do 26 de setembro ao 12 de outubro, unha nova edición das Xornadas de Carne de Boi – Concello de Allariz, que este ano alcanzan a súa XIV edición, consolidándose como unha cita gastronómica de referencia no calendario outonal de Allariz.

Nesta edición de 2025 participan 21 establecementos locais, que ofrecerán unha ampla e variada proposta culinaria na que a exquisita carne de boi de Allariz (criados na finca de Valverde e propiedade de Okelan), será a protagonista. Os establecementos elaborarán tanto tapas (14 participantes) como menús e pratos especiais, adaptados a todos os petos e pensados para gozar da gastronomía local en todo o seu esplendor.

As tapas presentadas ao concurso competirán por ser elixidas polo público como a “Mellor Tapa 2025”, mediante votación popular entre as persoas que as degusten. O prezo das tapas será de 3€.

Un ano máis volverá o concurso “Papando no Boi”, co que se premiará a fidelidade da veciñanza de Allariz. A primeira persoa (con tarxeta cidadá) que consiga consumir as 14 tapas participantes recibirá un premio directo de 100 € para gastar no comercio local. Ademais, entre todas as cartillas completadas sortearanse:

  • 1 vale de 250 € para gastar no comercio e na hostalaría local e 3 vales de 60 € entre aquelas cartillas con, polo menos, 5 tapas consumidas.

O sorteo terá lugar o sábado 18 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 11:00h, momento no que tamén se dará a coñecer a tapa máis votada desta edición.

Como novidade, este ano as tardes/noites gastronómicas virán acompañadas de música en directo, que animará o ambiente os días:

Venres 26 de setembro,Venres 3 de outubro e Sábado 11 de outubro

Ademais, durante as mañás dos sábados no mercado da reserva da Biosfera, haberá degustacións especiais de tapas elaboradas con carne de boi , de 12:30h a 13:30h

sábado 27 de setembro: Empanada de boi guisado e vexetáis

sábado 4 de Outubro: Tataky de boi con “pico de gallo”

sábado 11 de Outubro: Cañita de boi e cabaza

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, destacou a importancia destas xornadas para a dinamización da economía local e a posta en valor dos recursos propios do territorio. Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, María López, animou á veciñanza a participar de novo este ano e agradeceu a implicación dos establecementos participantes e da empresa local Briugu Allariz, encargada de distribuír a carne de boi de raza vianesa aos locais.

Toda a información sobre as Xornadas, os establecementos participantes e as bases do concurso de tapas está dispoñible en: www.allariz.gal/carnedeboi