O Concello de Allariz continúa apostando pola mellora dos servizos públicos e a calidade de vida dos seus veciños e veciñas, con dúas actuacións clave na piscina municipal: a renovación da cuberta e a instalación dunha planta solar fotovoltaica.

Por unha banda, está en marcha a renovación da cuberta da piscina, coa colocación de novos paneis tipo sandwich de 30 mm que mellorarán o illamento térmico e a estanquidade do edificio. Esta mellora permitirá un maior confort nas instalacións deportivas e un aforro enerxético significativo. A actuación está cofinanciada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en colaboración co Concello de Vilar de Santos, ao abeiro da orde do 14 de xaneiro de 2025 para a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais.

En paralelo, instalarase unha planta solar fotovoltaica de 50 kW para autoconsumo, que aproveitará a enerxía solar para reducir o consumo eléctrico da piscina. A instalación permitirá ademais verter á rede a enerxía sobrante, grazas ao sistema de compensación simplificada de excedentes. Esta iniciativa está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Galicia 2021-2027. A actuación inclúe tamén a retirada e correcta xestión dos antigos paneis solares térmicos, que xa non están en funcionamento.

Estas dúas intervencións forman parte da visión do Concello de Allariz, que leva anos apostando por servizos públicos de calidade e sostibles , como base fundamental para garantir o benestar da veciñanza. A mellora das infraestruturas municipais non só responde a necesidades técnicas, senón tamén ao compromiso político cun modelo de concello que poña no centro ás persoas, coidando tanto os espazos públicos como o medio ambiente.

Con estas obras, Allariz reafirma a súa aposta pola innovación, a eficiencia enerxética e a mellora continua dos servizos locais, consolidando o seu modelo de vila referente na calidade de vida.