O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu onte a sinatura do protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña En negro contra as violencias, que este ano chega a 102 concellos e a tres deputacións provinciais.

No protocolo asinado recóllense os obxectivos desta campaña, que son “fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas”.

No acto celebrado asistiron alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras de 69 concellos e das tres deputacións participantes, as da Coruña, Pontevedra e Lugo.  Cristina Cid, alcaldesa de Allariz insistiu no “compromiso político e social que fai falta para loitar contra as violencias, sen esquecernos do financiamento”.