Os Xardíns do Portovello acollerán a I edición de Ola & Flora Allariz (Mercado de floricultura e cerámica) o 17 de Xullo.
A PRIMEIRA EDICIÓN DE Ola& Flora celebrarase en Allariz nos xardíns do Portovello o vindeiro domingo 17 de xullo. Este mercado promovido polas produtoras alaricanas Estefanía Prieto e María José Castro e o Concello de Allariz, presentouse onte a mañá.
A Alcaldesa, Cristina Cid sinalou que” o obxectivo é botar a andar e consolidar un mercado de verán no que se concentrarán máis dunha ducia de expositores do sector da flor cortada e a Cerámica , nun intento por visualizar as pequenas empresas galegas do sector que destacan pola calidade e diferenciación dos seus traballos”

As produtoras alaricanas, representadas por María José, sinalaban que “O mercado pretende ser un lugar de encontro no que coñecer diferentes proxectos de floricultura artesanal. Dun tempo a esta parte está habendo un crecente interese nas flores cultivadas dun xeito sostible, sen abuso de pesticidas e producidas localmente. Tamén se están abandonando prácticas como por exemplo o uso da contaminante espuma floral. Por outra banda tamén é tendencia o emprego de bases cerámicas de autor/a para arranxos florais, motivo polo que pensamos que flores e cerámica combinan á perfección. Certo é que o tradicional oficio da olería mantense moi vivo ata os nosos días, sendo unha dos faceres máis ancestrais. Mostra de que sabe evolucionar cos tempos ofrecendo pezas útiles e ao tempo verdadeiras xoias ornamentais.”

O Horario do mercado será de 10:00 a 20:00 horas e paralelamente organizaranse varias actividades gratuítas coma un obradoiro de deseño floral , previa inscrición en ola.flora.allariz@gmail.com. Tamén haberá pinta caras infantil pola mañá en horario de 11 a 13 h e mostra en vivo de Olería.
Ao longo do día haberá sorteos para todas a as persoas que acudan a mercar flores ou cerámica .