Allariz acolle a vindeira fin de semana a XXIX Feira de Outono, 8 e 9 de novembro unha cita consolidada no calendario outonal. O evento celebrarase o sábado e o domingo, de 10:30 a 20:00 horas, e ofrecerá ao público cociña en vivo, degustacións, venda de produtos locais e de tempada, obradoiros infantís e saídas micolóxicas, combinando tradición, natureza e innovación gastronómica.

A feira aposta polos produtos de tempada —castañas, mel, hortalizas e repostería artesanal—, poñendo en valor o traballo das persoas produtoras e artesás da comarca e d varios lugares da península. Na parte gastronómica, destacan as demostracións culinarias: o sábado ás 12:00 h, Alex Cabanas presentará “Cociña de Outono”, mentres que o domingo á mesma hora, será a quenda de Daniel Pozo, ambos elaborando receitas inspiradas nos sabores propios desta estación.

O programa inclúe tamén as tradicionais saídas micolóxicas ao monte co experto José Gómez Bragaña (Centro de investigación forestal de Lourizán), e obradoiros infantís, un de creación con flores secas e outro de iniciación á cociña, ambos con prazas limitadas e inscrición previa. As crianzas deberán ter entre 6 e 12 anos.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, destacou que “a Feira de Outono é unha das nosas citas máis especiais, porque representa o mellor do noso territorio: o respecto pola natureza, o valor do produto de tempada e a cooperación entre veciñanza e sector produtivo”.

Pola súa parte, a concelleira de Promoción Económica, María López, subliñou que “o produto de tempada é sinónimo de calidade, sostibilidade e identidade local. Esta feira é un escaparate do bo facer das nosas produtoras e produtores, e un impulso para o comercio e a restauración de Allariz”.

O evento complétase cos sorteos dos “Premios de Outono”, que se celebrarán o sábado ás 20:00 horas e o domingo ás 14:00 e 19:30 horas, cunha selección de cestas outonais como agasallos.

Organizada polo Concello de Allariz dende hai case 30 anos a Feira de Outono reafirma o compromiso do municipio coa posta en valor do produto local, a gastronomía de tempada e o turismo sostible.

📅 Datas: sábado 8 e domingo 9, de 10:30 a 20:00 h
📍
Lugar: Allariz
🌐
Máis información: allariz.gal/feiradeoutono