Allariz acollerá do 24 de setembro ao 12 de outubro unha nova edición das Xornadas de Carne de Boi de Allariz. Este ano cumprirán o seu 10º ano de celebración con 23 establecementos locais participantes neste 2021.
A hostalería alaricana ofertará tapas e menús cuxo ingrediente principal é a exquisita carne de boi de Allariz. Pinchos preparados de diferentes e saborosos estilos, menús e pratos para todos os petos será o que as persoas se atopen nas 10ª Xornadas de Carne de Boi de Allariz
Volta o concurso de tapas, no que 18 tapas competirán por ser a elixida dos comensais como a Mellor Tapa desta edición. Atoparemos tapas xa tan tradicionais como os callos de Boi ou a empanadilla de Carne de Boi, como tapas novas q ben seguro farán as delicias das persoas que se acheguen durante os 19 días que ten de duración o evento. O prezo da tapa será de 2€ e na modalidade de menús haberá para todos os petos, para que todas as persoas que se acheguen podan degustar este prato en Allariz.
Este ano outra das novidades é un premio local para premiar a gran participación e fidelidade de todas as veciñas e veciños que ano tras ano participan nestas xornadas. “Papando no Boi” será a recompensa que recibirá a primeira persoa, con tarxeta cidadá, que consuma as 18 tapas que participan no concurso de 2021, cun premio directo de 100€ para gastar no comercio local. Ademais como en edicións anteriores, haberá un premio de 250€ entre todas as cartillas que acumulen todas as tapas participantes, e unha cea para dúas persoas para aquelas cartillas que degusten 9 tapas.
O sorteo realizarse o sábado 23 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 12:00h, no que se darán a coñecer os gañadores ou gañadoras dos premios así como a tapa máis votada nesta edición. Para máis información pódese consultar a páxina allariz.gal/carnedeboi na que se atopan as bases do concurso de tapas.
Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz fixo fincapé na importancia que ten o proxecto de Carne de Boi de Allariz para a economía local, así como o aproveitamento dos recursos que temos no noso territorio.
As Xornadas de Carne de Boi son un gran aliciente para a poboación local, xa que dinamizan durante tres semanas o comercio e a hostalería. Segundo María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo a veciñanza alaricana é unha gran embaixadora da Carne de Boi de Allariz.
Briugu Allariz comercializa Carne de Boi de Allariz, ademais de no Mercado, tamén distribúe á hostalería participante. Xosé Romero, xerente da empresa, sinala a gran calidade da carne de boi , de raza limiá, producida en Allariz. Neste ano destinaranse para as xornadas, 6 bois, ao redor de 2200kg de carne.
Aproveitando as Xornadas e as sinerxías que xorden no Mercado da Reserva, o sábado 25 de setembro e o sábado 2 de outubro haberá, en formato reducido, a oportunidade de degustar Carne de Boi de Allariz de 12:30h ás 13:30h.