O Concello de Allariz, con motivo da declaración do Ano Castelao 2025, organiza en colaboración con Nós Diario a exposición “Castelao: Sempre en Galiza”, unha homenaxe pública e aberta á figura máis emblemática do galeguismo contemporáneo.
A mostra será inaugurada o mércores 23 de xullo, cun acto que terá lugar na lona de Vilanova ás 20:00 h. A partir dese día, poderá visitarse libremente e estará distribuída por 23 puntos do centro histórico de Allariz, convertendo as rúas da vila nun auténtico museo ao aire libre.
A exposición convida a percorrer a vida, pensamento e legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cun formato visual e accesible para todos os públicos. A proposta pretende achegar, de forma divulgativa e reflexiva, o compromiso de Castelao coa lingua, a cultura e a identidade galega.
A mostra está baseada no coleccionable homónimo publicado por Nós Diario, que recolle o labor de destacados autores e autoras do ámbito da historia, a filosofía, a socioloxía, a filoloxía e o xornalismo galegos. Entre os nomes figuran:
🖋️ Miguel Anxo Seixas Seoane · Carlos Mella · Xosé Luís Axeitos Agrelo · Uxío-Breogán Diéguez Cequiel · Henrique Monteagudo Romero · Emilio Xosé Ínsua López · Xoán Carlos Garrido Couceiro · Manuel Rei Romeu · Miguel Fernández Cid · Xosé Carlos López Bernárdez · María Victoria Carballo-Calero Ramos · Lois Ladra · Carme Fernández Pérez-Sanjulián · Tareixa Navaza González · Francisco Rodríguez Sánchez · Xosé María Pérez Barro · Xosé Ramón Ermida Meilán · María do Pilar García Negro
A través desta iniciativa, Allariz reafirma o seu compromiso coa dinamización cultural, coa memoria colectiva e coa defensa da identidade galega.