Allariz celebra este domingo a II Feira dos Produtos Apícolas que busca consolidar o evento como unha das feiras de referencia do sector apícola en Galicia. Para iso amosarase unha ampla e variada oferta de produtos apícolas galegos e de Portugal ademais de ofrecer un completo programa de actividades para todos os públicos.

Máis de 25 postos de Galicia e Portugal formarán un gran escaparate de produtos apícolas que amosará toda a súa riqueza e diversidade. Os/As visitantes poderán coñecer e degustar unha gran variedade de meles de diferentes tipos, os variados produtos da colmea, como o pole ou o própole, e outros produtos artesanais, como bebidas elaboradas con mel (infusións, cervexas ou hidromel) ou cosmética apícola (xabóns ou bálsamos).

Apiturismo e flora melífera

A feira pretende ser máis que un tradicional mercado e amosar moito máis aló dos produtos da colmea. Na xornada terá lugar a presentación do proxecto “Apiturismo Xacobeo 2021”, realizado pola Asociación Galega de Apicultura dentro do programa O Teu Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, e unha exposición fotográfica sobre este tema, que amosará a beleza das paisaxes galegas e a milenaria tradición apícola, cunha arquitectura única no mundo. Para descubrir a orixe dos diferentes meles o público coñecerá cales son as plantas preferidas polas abellas a través dunha exposición sobre flora melífera, que encherá de flores e abellas o casco histórico de Allariz.

Actividades para todos os públicos 

Durante toda a xornada haberá un amplo e variado programa de actividades para todos os públicos. Demostracións en directo da esmelga, extracción de mel dos panais e elaboración tradicional de candeas formarán parte da xornada. Os/As máis pequenos/os poderán aprender todo sobre as abellas xogando e gozando nun espazo infantil con interesantes e divertidas actividades. Ofrecerase tamén unha degustación de meles combinados con outros produtos da gastronomía galega e un obradoiro de cociña con mel para aprender a elaborar deliciosas e saudables receitas.

A través dun concurso escollerase o mellor expositor da feira e sortearanse varias cestas de produtos entre o público visitante.