O Concello de Allariz organiza, dende o 26 de decembro ata o 10 de xaneiro, un programa de actividades para festexar o Nadal.
A programación, para todos os públicos, comeza o día 26 de decembro coa actuación teatral de Mofa e Befa que porán en escena “Bobas&Galegas”. Continúa con actuación musicais co concerto da Coral Amigos de Allariz e Coro Vellos amigos de Manuel de Dios, o día 27, a obra “Falar sen cancelas” da cómica Isabel Risco e a actuación do Coro de Mulleres de Allariz e a Rondalla Nova Xeración de Barbadás, o 2 de xaneiro.
Ademais celebrarase a tradicional carreira popular “A Derradeira Solidaria” o 31 de decembro e, en xaneiro, o Paxe Real visitará Allariz así como tamén os Bolechas que estarán na vila dentro da súa “Xira de Nadal”. Para rematar, a noite do 5 de xaneiro celebrarase a Cabalgata dos Reis Magos.
Os máis cativos poderán gozar, un ano máis, cos inchables, xogos, novas tecnoloxías e un circuíto de educación vial dentro do NadalParc. O pavillón abrirá as súas portas dende o 26 de decembro ata o 3 de xaneiro ofrecendo un espazo de ocio para os menores de 12 anos.
Casa da Mocidade
Para os mozos e mozas a Casa da Mocidade ten previsto torneos e xogos nas súas instalacións dende o 21 de decembro ata o 5 de xaneiro, ampliando o seu horario de luns a sábados de 11:00h a 13:30h e de 19:00h a 21:00h.
Actividades no Fogar dos Maiores
O Fogar dos Maiores ofrecerá dende o 21 ata o 23 de decembro varios obradoiros sobre elaboración de aceite corporal e turrón caseiro e de decoración de Nadal, en colaboración coas asociacións veciñais de Torneiros, Cardanachama e Seoane.