Na mañá de hoxe, Cristina Cid alcaldesa de Allariz e María López concelleira de Promoción Económica presentaban a imaxe e daban conta dalgunhas da actividades que se desenvolverán nas dúas semanas que durarán as xornadas.

Un total de 24 establecementos hostaleiros ofertarán menús e tapas no que o ingrediente principal será a carne de boi de Allariz. Nos vindeiros días coñeceremos as propostas que estes establecementos locais nos ofrecerán este ano, medrando en número de participantes e tamén na variedade das elaboracións.

Nesta edición, que se celebrará dende o 30 de setembro e ata o 12 de outubro, haberá concurso de tapas como xa ven sendo habitual, varias actividades no Mercado da Reserva e por suposto premios para as persoas que se acheguen nestes días a degustar este manxar a Allariz e participen nos sorteos.

Como nos adiantaban as responsables municipais, este ano volve o premio Papando no Boi. Papando no Boi xurdiu o ano pasado, para premiar a primeira persoa de Allariz que consuma todas as tapas. Como condición para recibir este premio, a persoa deberá contar con tarxeta cidadá de Allariz.

Haberá sorteo de varios vales para gastar no Comercio Local, así como un premio xeral que se sorteará entre todas as papeletas que teñan consumidas todas as tapas.

Nos vindeiros días na web www.allariz.gal/carnedeboi/ estarán actualizados

os menús, as tapas e as bases para participar nos sorteos e conseguir algúns dos agasallos.

As xornadas cumpren once anos de celebración vinculadas ao proxecto de cría de carne de boi , este programa caracterizase pola cría de bois en extensivo para producir carne de calidade e comercializar un produto diferente que sirva de dinamizador da nosa hostalería ,un bo exemplo son estas xornadas.

Ademais esta cría en extensivo , axuda a manter a superficie forestal limpa para evitar incendios e rexenerar os pastos.