O Concello de Allariz festexará o nacemento de Rosalía de Castro cunha programación de actividades durante a semana que ven, concentrando a maioría de elas.

Na mañá de hoxe presentouse a programación no xardín gañador do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, o cal está adicado a Rosalia de Castro.

A Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, resaltou a traxectoria de Rosalía durante a súa vida e todo o que aportou así como todo o que loitou en defensa da muller. Cristina resaltou a importancia que ten para o noso territorio contar cunha poeta da riqueza de Rosalía de Castro.

Como ben nos explicou Juan Antonio Seara, técnico de cultura, as actividades comezarán o mércores 23, cun roteiro teatralizado sobre a vida de Rosalía: “ A historia de Allariz e a poesía de Rosalía van da man”. Serán tres pases, dous pola mañá para o alumnado o IES de Allariz, e outro ás 18:00h de libre asistencia que comezará na Praza do Eiró. O espectáculo contará con música en directo.

Este roteiro está organizado polo departamento de cultura do Concello de Allariz. Para a actividade contouse ca colaboración do departamento de Lingua Galega e normalización lingüística do IES de Allariz, así coma do grupo de teatro da Asociación Silvardeiras e das Doulas Sororas.

Por outra banda, a área de Promoción Económica, Comercio e Turismo en colaboración coa Fundación Rosalia de Castro e con varios establecementos hostaleiros de Allariz, celebrarán esta data servindo dentro das súas cartas “Caldo de Gloria”. Como ben deu conta María López, concelleira desta área, tanto o día 23 coma o sábado 26 e domingo 27. Co obxectivo de conmemorar o nacemento da nosa poeta,lembrando o poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas 1880) no que Rosalía explica coma facer un caldo de gloria e as dificultades para sobrevivir da xente humilde, representada nunha muller como ben nos contou María López, concelleira responsable de Promoción Económica.

Os establecementos participantes contarán(grazas a fundación Rosalía de Castro) con manteis de papel individuais co poema. Os locais que participan nesta iniciativa son Fío de Liño, O Pepiño, Casa Pepiña, Petiscos, Restaurante Alarico, Restaurante Camping Hípica Os Invernadoiros e o Oca Vila de Allariz.

Así mesmo o sábado 26 no Mercado da Reserva da Biosfera, haberá cociña ao vivo, na que se preparará Caldod e Gloria cos produtos do propio mercado para que todas aquelas persoas que se acheguen o podan degustar a partir das 12:00h.