Seis bois de Allariz veñen de ser sacrificados para a degustación da súa carne recoñecida polas súas especiais características gastronómicas. Cunha media de 450 kg cada exemplar, a hostalería de Allariz disporá de máis de 3000 kilos de carne de boi de Allariz para elaborar os seus menús.

Ademais os 6 bois, de razas autóctonas, limiá e caldelá,  permitirán a elaboración de tapas e pratos especiais que o conxunto da hostalería de Allariz ofrecerá a partir do 28 de setembro nas Xornadas de Carne de Boi de Allariz para que  tanto veciños e veciñas como visitantes gocen desta carne con valor gastronómico importante. As xornadas teñen por obxectivo a exaltación deste manxar producido en Allariz, nos  montes de Penamá.

Esta actividade, enmarcada dentro do programa Allariz Sabe, trata de poñer en valor a produción local de carne de boi que pretende, ademais, contribuír á  dinamización económica da localidade. O proxecto de cría e comercialización de carne de boi de Allariz naceu no ano 2011 co obxectivo de recuperar a base territorial e facer explotacións produtivas, previr os incendios e apoiar á hostalería ofrecendo un produto de calidade. Este plan de dinamización permite a comercialización de exemplares nados e criados en Allariz, no Monte Penamá, e cebados na explotación O Rego en Coedo.