O certame “Vilas en Flor” vén de emitir o fallo para outorgar as súas distincións aos concellos participantes nesta terceira edición que puxo en valor o deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes urbanos coas súas flores de honra para os 25 concellos galegos participantes neste ano.

    • Chantada e Allariz acadan de novo as catro flores de honra. O xurado distinguiu tamén a Caldas de Reis, Lalín, Tomiño e Salvaterra de Miño con tres flores; a os de A Guarda, Baiona, Carballiño, Culleredo, Cuntis, Cambados, Fene, Gondomar, Narón, Ponteceso, Sada, Sarria, Salceda de Caselas, Pontedeume e Mondoñedo con dúas flores, e os de Ortigueira, Tui, San Sadurniño, Guitiriz e Betanzos foron recoñecidos cunha flor de honra
    • Este certame está organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), coa participación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, e o patrocinio de Husqvarna e Rainbird.
    • O obxectivo principal desta iniciativa é a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación e representa a xeración dun selo de calidade e reclamo turístico.

Esta mañá celebrouse, nun acto virtual, a emisión do fallo e a entrega dos galardóns do certame Vilas en Flor. Participaron de xeito telemático a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto; o director do certame Vilas en Flor, Pedro Calaza, e a directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre.

O xurado desta edición estivo composto por Isabel Aguirre, Manuel Rodilla, Manel Rodríguez, Javier Padín, José Sánchez, Santiago Lamosa, Mª Isabel Iglesias, Manuel Torres, Xurxo Xoán González e Domingos Manuel Méndez. Distintos equipos formados polos membros do xurado foron os encargados de realizar as visitas técnicas a cada un dos concellos participantes, co fin de reunir información e analizar no terreo os criterios que puntúan neste certame.

O Programa “Vilas en flor” persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación. Séguese así o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias, Andalucía e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

Trátase dun programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística destes concellos e a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de paisaxismo, axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

O xurado destacou aos concellos distinguidos con catro flores de honra, Allariz e Chantada, polo gran esforzo realizado polos xestores municipais no eido da posta en valor do seu patrimonio natural.

En concreto, respecto ao noso, o Concello de Allariz, cunhas 14 hectáreas de zonas verdes na contorna urbana e unha ratio de 48 metros cadrados por habitante, destacouse o gran investimento en mantemento destes espazos, cunha especial complexidade este ano para a execución de proxectos pendentes debido ao confinamento e a elevada mortaldade de ameneiros (Alnus glutinosa) nas marxes do río. Tamén se valorou a oferta de actividades de turismo, medio ambiente e sustentabilidade, en particular a práctica da compostaxe comunitaria. En canto aos proxectos de futuro, destacáronse o parque infantil cuberto e un parque empresarial de catro hectáreas.