O Concello de Allariz celebrou este venres pasado o pleno no que, se aprobou por unanimidade a adhesión a Rede de Municipios pola Agroecoloxía.

Allariz convertese así no primeira localidade de Galicia que forma parte desta entidade, onde están entre outras cidades Barcelona ou Valladolid.

O obxectivo desta rede é axudar ás administracións a construír sistemas alimentarios locais sostibles, resilientes e respectuosos co Medio Ambiente.

Allariz foi invitada a formar parte deste colectivo por ter posto en marcha iniciativas acorde con esta filosofía coma o Mercado da Reserva da Biosfera, o proxecto de gandería en extensivo local de Carne de boi de Allariz ou o programa Re de reutilización e reciclaxe. Ademais de moitas outras iniciativas privadas que se desenvolven no Concello de Allariz coa colaboración da administración local, coma o centro de Educación Medioambiental do Rexo co seu queixo de ovella, cooperativa Ecoleía de leite ecolóxico, Petelo, produción de fariña de castaña e transformados, Mimá horta ecolóxica con tracción animal, Xabóns de leite de burra (asociación Andrea)…

A Rede de Municipios pola Agroecoloxía perfílase coma un lugar de encontro entre o persoal técnico e os responsables municipais, movementos sociais e os propios produtores, todos comprometidos co dereito a alimentación e a recuperación dun modelo agroalimentario produtivo e sostible co entorno, de vital importancia no momento no que nos atopamos.

O compromiso do Concello de Allariz cos produtores locais, de proximidade que poden aportar aos mercados produto de calidade con canles ben curtas de distribución quedou palpable o pasado mércores ca participación do concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela no webinario, “Mercados agroecoloxicos explorando na coxestión”, onde compartiu experiencias cos municipios de Valladolid, Zaragoza, León e a rede de mercados da Deputación de Barcelona.