O Concello de Allariz inaugurou este mércores a exposición “Castelao: Sempre en Galiza”, un proxecto cultural de grande dimensión que transforma as rúas da zona histórica de Allariz nun espazo expositivo aberto e a accesible para toda a cidadanía. A mostra, composta por 23 lonas, percorre a vida, obra e pensamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura central do galeguismo, no 75 aniversario do seu pasamento no exilio.

O acto de inauguración deu comezo coa benvida do concelleiro de Cultura, Alberto Conde, quen deu inicio ao acto a todas as persoas que se achegaron na tarde de onte.

A continuación, tomou a palabra o director de Nós Diario, Alberte Mera, quen agradeceu a colaboración institucional e subliñou o valor da mostra como ferramenta de divulgación, animando a máis institucións a traballar en prol do legado de Castelao e da cultura galega.

Finalmente, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, pechou o acto destacando o compromiso do Concello coa memoria de Castelao e a vontade de manter vivo o seu legado máis alá do ano 2025.

“Esta exposición permite impregnar cada espazo e cada paseo por Allariz coa obra e co pensamento de Castelao. É unha oportunidade para lembralo, reivindicalo e garantir que a súa figura estea presente tamén nas escolas e nos espazos públicos”, afirmou a rexedora. Agradeceu a colaboración con Nós Diario e tamén a cada unha das persoas que participaron na recompilación de textos e documentos gráficos sobre Castelao.


Un percorrido pola vida e a obra de Castelao

A exposición estrutúrase en tres grandes bloques temáticos que abordan:

  • A súa acción política e social, dende a loita anticaciquil até o exilio en Bos Aires.

  • A súa faceta artística e literaria, como debuxante, narrador e dramaturgo.

  • O seu pensamento político, centrado na obra Sempre en Galiza e na defensa dunha Galiza con voz propia.

Cada lona está acompañada de imaxes e textos elaborados por destacadas figuras da cultura e do pensamento galego contemporáneo, como Xosé Luís Axeitos, María Victoria Carballo-Calero, Uxío Breogán Diéguez, Tareixa Navaza ou Miguel Anxo Seixas, entre moitos outros.

📅 A mostra permanecerá instalada até finais de 2025, podendo visitarse libremente en diferentes puntos do centro histórico.