Os temporais de vento e choiva deste comezo de ano deixaron ao seu paso centos de desfeitas, avarías, inundacións, derribas e graves danos no patrimonio e en espazos municipais en Allariz.
O Concello de Allariz viuse afectado por esta situación polo que na mañá de hoxe Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz, acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela e o aparellador municipal Tino Feijoo presentaron o balance do custe económico que suporá arranxar os estragos feitos polas enchentes do río Arnoia ao seu paso polo municipio así coma dos danos polas rachas de vento.
O leito do río Arnoia estragou, debido a gran cantidade de auga que acumulou nesa xornada, muros, pasarelas, pontes, presas, camiños e espazos infantís ao seu paso polo Concello.
As grandes rachas de vento afectaron a cubertas en espazos municipais que sumado aos danos anteriores ascenden a un total de máis de 233.000€, un 10% do orzamento total do Concello.
O Concello de Allariz púxose en contacto coa Xunta de Galicia para estudar a posibilidade de que se habiliten axudas xa que como ben dicía Cristina Cid, non “somos os únicos afectados”.
Así mesmo mañá levarase ao Pleno Municipal a Declaración de “Zona afectada gravemente por unha emerxencia de Protección Civil” para que a administración do Estado poida aportar axudas para paliar a situación na que se atopan os concellos despois destas catástrofes naturais.
A Alcaldesa sinalaba que agarda o apoio das forzas políticas da corporación municipal e que se unan a esta declaración para comezar cos tramites pertinentes ca administración autonómica.