O Concello de Allariz, a través da súa Área de Mocidade, puxo en marcha un proxecto integral co xadrez como eixo vertebrador, que formará parte da rede de aprendizaxe-servizo (ApS). A aprendizaxe-servizo é unha metodoloxía que ten como obxectivo que os coñecementos adquiridos no ámbito académico en calquera das súas etapas teñan unha aplicación práctica noutras comunidades fóra do ámbito educativo.
Iago Santás, concelleiro de Mocidade explicounos que :“Nun contexto onde a mocidade é o obxectivo principal das ofensivas dixitais, entendemos que o xadrez é un deporte que fomenta a memoria, a paciencia, o respecto, a socialización, as matemáticas e a planificación de obxectivos a curto, medio e longo prazo, habilidades que se poden transferir á vida cotiá a través dun simple taboleiro.”
Baseándose nisto, o Concello pon en marcha clases de xadrez dirixidas a todos os segmentos da poboación, e que xa se viñan realizando noutras institucións da vila, como no CEIP Padre Feijoo, tanto dentro como fóra do horario escolar.
As actividades comezarán en outubro, e os puntos de encontro serán o CEIP Padre Feijoo, a Casa da Mocidade e o Fogar do Maior, con actividades todos os mércores.
Para máis información ou para inscribirse, pódese contactar no correo electrónico mocidade@allariz.gal.