O 28 e o 29 de agosto, unha ducia de establecementos participará na fin de semana da oportunidade.
Durante estes dous días terá lugar un evento no que os clientes poderán atopar estupendas ofertas e descontos dunha gran variedade de produtos que inclúen moda, calzado, deportes, roupa infantil, complementos e librerías, entre outros. Fantásticos descontos que farán que mereza aínda máis a pena visitar o comercio alaricano. Desta forma, os establecementos procederán a facer unha liquidación do stock da tempada de verán.
As ofertas poderán atoparse visitando os comercios participantes. As medidas de seguridade serán prioritarias, respectando as restricións actuais.
Todos os clientes que merquen durante estes tres días, entrarán nun sorteo de tres talóns con vales para mercar nos establecementos que participan na feira.
María López, Concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo quixo agradecer ás persoas que conforman ó sector a súa implicación e compromiso durante estes complexos momentos. Así mesmo, resaltou o valor e a responsabilidade que compartimos no cometido de lograr facer de Allariz un lugar atraente para vivir e para visitar. Sinalou tamén a importancia de dar apoio, entre todos, ó comercio local, tendo en conta a complicada situación pola que os comerciantes pasaron e están a pasar durante estes tempos de pandemia. Por último, salientou a relevancia de valorar o noso comercio sempre coma a primeira opción de compra.