O Concello de Allariz presenta o programa do Entroido 2025, que se celebrará do 20 de febreiro ao 5 de marzo con variedade de actividades para todos os públicos. Pasarrúas, festas, concursos e música encherán as rúas de Allariz.

Alberto Conde, concelleiro de Cultura, presentou na mañá de hoxe, acompañado polas técnicas da área, Carmen e Uxía, a programación do Entroido en Allariz para este 2025.

A programación comezará o xoves 20 de febreiro ca noite de Compadres, que contará cun pasarrúas cos gaiteiros Polo pan baila o can entre as 20.30h e as 22.30h. A semana seguinte, o xoves 27, será a quenda das Comadres, que percorrerán as rúas de Allariz acompañadas pola charanga Achicoria.

O venres 28 a festa estenderase ata a madrugada coa Noite de Entroido, onde a Discomóvil Apocalipsis animará a Praza Maior dende as 23.30h ata as 01.30h.

O domingo 2 de marzo, gozaremos dun pasarrúas coa charanga Alambique, que sairá da Barreira entre as 12.00h e as 14.00h.

O luns 3 a festa continuará cunha xornada pensada para os máis pequenos, coa Festa Infantil da Discomóvil Apocalipsis na Praza Maior de 17.30h a 20.00h.

Pola noite, ás 21.30h, a tradicional Cachuchada reunirá a veciñanza na Barreira, organizada pola Asociación Cultural Xan de Arzúa. Para pechar a xornada, a charanga Los Fugitivos serán os encargados de poñer a nota musical das 23.00h a 01.30h dende a Barreira.

O martes 4 de marzo será o día do Baile de Entroido e Concurso de Comparsas, que se celebrará de 18.00h a 20.30h na Barreira coa animación de Space Discomóvil.

Finalmente, o mércores 5 de marzo ás 20:00h, comezará a despedida co Pranto de Entroido, no que participarán Silvardeiras Teatro, Cantos de Taberna Xolda e Universidade Laboral. Dará comezo na Praza Maior rematando no Campo dos Brancos onde se realizará a Queima do Meco,

Dende o Concello de Allariz, anímase a toda a veciñanza e visitantes a participar neste Entroido 2025.