Na mañá de hoxe presentáronse as actividades que se celebrarán en Allariz con motivo da celebración do Día de Rosalía de Castro o 23 de febreiro, día do seu nacemento hai 186 anos.

Rosalía de Castro, é símbolo da cultura galega, polo que o Concello de Allariz outro ano máis celebrará o seu aniversario con varias iniciativas que durarán ata a fin de semana do 25 e 26 de febreiro.

As actividades comezarán o mércores 23, ca inauguración dunha exposición sobre o Herbario de Rosalía, na que a escritora citou na súa obra preto de 150 plantas e flores. A área de Cultura do Concello de Allariz,montará unha exposición sobre este herbario na que colaboran o CEIP Padre Feijoo e o IES Allariz nun acto poético musical que terá dunhas quendas, unha ás 12:00h e outra ás 19:00h. A fin de semana ampliará o seu horario, o sábado en horario de 12:00 ás 14:00h e de 17:00h ás 20:00h. O domingo soamente estará aberta de 12:00h ás 14:00h. As persoas que se acheguen a visitar a exposición recibirán de agasallo un marca páxinas conmemorativo do Día de Rosalía.

Por outra banda dende a área de Promoción Económica, en colaboración coa hostalería de Allariz celebrarase o Día de Rosalía cun Caldo de Gloria. Dende o 23 ao 26 de febreiro, nos 13 establecementos participantes, servirán este prato que a propia Rosalía describía no poema “Miña casiña, meu lar” no que explica como facer un caldo humilde. Os establecementos participantes estarán identificados cun vinilo que indica que “Aquí hai caldo de gloria”.

A esta iniciativa tamén se unirá este ano o CEIP Padre Feijoo de Allariz, que incluirá no seu menú o 23 de febreiro o Caldo de Gloria.

Tanto os establecementos participantes como o CEIP Padre Feijoo contarán (grazas a fundación Rosalía de Castro) con manteis de papel individuais co poema de Rosalía.

O Concello de Allariz dende o pasado ano é mecenas da Fundación Rosalía de Castro, encargada da conservación e divulgación do seu legado, sumándose a traballar pola conservación e posta en valor do patrimonio cultural de Rosalía.