Na mañá de hoxe, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, María López, concelleira de Promoción Económica e o concelleiro de Cultura, Alberto Conde, presentaron a programación oficial de Nadal para este 2026, un conxunto amplo de propostas culturais, educativas, deportivas e de lecer que se desenvolverán ao longo do mes de decembro e comezos de xaneiro. Esta programación complétase e reforza coa campaña do Peto dos Desexos, o concurso de escaparates e as decoracións que iluminan as rúas de Allariz, contribuíndo a crear un ambiente atractivo e festivo durante estas datas.
O Concello destaca que o obxectivo desta proposta é favorecer a convivencia, impulsar o espírito festivo e apoiar a dinamización económica local, ofrecendo actividades pensadas para todas as idades e perfís. Allariz reafirma así a súa aposta por un Nadal diverso, sostible e plenamente participativo.
Cultura e espectáculos para todos os públicos
A programación arrinca o sábado 13 de decembro co concerto da Escola da Banda Unión Musical de Allariz (12:00 h, Casa da Cultura). O sábado 20, o grupo Mofa&Befa presenta a obra teatral Os dous de sempre (20:00 h, Casa da Cultura), mentres que o domingo 21 a compañía Redrum Teatro ofrecerá o espectáculo familiar Os contos de Lobicán (18:30 h).
O humor tamén terá o seu espazo o domingo 28 co monólogo de Sergio Alba, Dous rombos, pasa para a cama (19:30 h, Casa da Cultura), e a maxia chegará o venres 2 de xaneiro da man de Cayetano Lledó e La Fayette Show (18:30 h). Pechando a programación cultural, o domingo 4 de xaneiro celebrarase a Mostra de Danza de Nadal coa compañía Ngoma – La Guajira (18:30 h, Casa da Cultura).
Actividades infantís e espazos de ocio
O Nadal Parc, instalado no Pavillón do IES, abrirá do 22 ao 31 de decembro, con xogos, inchables e propostas para nenos e nenas de ata 12 anos, en horario de 11:30 a 13:30 h e 17:00 a 20:00 h. Ademais, organizaranse dous obradoiros creativos:
-
Venres 26 de decembro: Crea a túa postal de Nadal (de 11:30 a 13:30 h, Pavillón do IES).
-
Luns 29 de decembro: Árbores de Nadal (de 11:30 a 13:30 h, Pavillón do IES).
Ambos os obradoiros están dirixidos a público infantil a partir de 6 anos e terán prazas limitadas.
Deporte e tradición para despedir o ano e dar a benvida ao seguinte
O mércores 31 de decembro celebrarase a tradicional Carreira Popular Solidaria “A Derradeira”, con saída na Praza do Concello ás 16:00 h (infantil) e 16:30 h (senior). Unha cita deportiva marcada pola solidariedade e a convivencia.
O broche final poñerao a Cabalgata de Reis, o luns 5 de xaneiro, que percorrerá as rúas dende a Alameda ata o Pavillón do IES a partir das 18:30 h, levando a maxia e ilusión a todas as familias alaricanas.
Un Nadal que impulsa a vida social e económica de Allariz
A alcaldesa e os concelleiros de Cultura e Promoción Económica subliñaron durante a presentación que esta programación, xunto co Peto dos Desexos, o concurso de escaparates e as decoracións de Nadal, busca revitalizar a vida social e apoiar o comercio local, ademais de ofrecer espazos de encontro e celebración compartida.
Allariz convida á veciñanza e ás persoas visitantes a gozar dun Nadal cheo de actividades, ambiente festivo e participación cidadá.
