O 13 de maio quedou inaugurada oficialmente a VII edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2016, que permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de outubro. A instalación dos 10 xardíns finalistas do concurso internacional que forman parte deste Festival, baixo o lema “Os xardíns de Futuro, percorreu a cargo dos equipos municipais de Parques e Xardíns do Concello de Allariz. Durante o acto de apertura, o alcalde Francisco García, recalcou a importancia que co tempo adquiriu o Festival dentro do panorama paisaxístico en España, e os obxectivos alcanzados, como é a posta en valor da infraestrutura verde como vía para un desenvolvemento sostible e a mellora da calidade de vida.

Esta gran aposta paisaxística é un formato único en España, desenvolvido polo Concello de Allariz para poñer en valor a paisaxe e a xardinaría como vía para o desenvolvemento económico e social da zona,así como a mellora na calidade de vida dos veciños e veciñas.

Este ano, o tema central é “Os xardíns do Futuro”, co que se quere resaltar a importancia que terán as zonas verdes urbanas no futuro desenvolvemento das cidades. Neste senso, malia que moitos dos xardíns participantes inspíranse nun futuro escuro, superpoboado e con pouco espazo, todas as propostas ofrecen exemplos de cómo a infraestrutura verde das cidades pode sobrevivir para continuar aportando todos os beneficios que xera para os cidadáns. Entre  eles, a ineludible necesidade de manter o contacto coa natureza. Así , algúns xardíns imaxinan “xardíns gardería” para que as plantas e as persoas accedan á súa cota de luz, e outros idean xardíns en contedores que os futuros habitantes das cidades alugarán por horas ou días. Xardíns hidropónicos (sen terra), colgantes en bolas de musgo, ou incluso hortos en Marte, son algunhas das propostas máis destacadas.

Os 10 xardíns efémeros que compiten polos votos dos miles de visitantes deste ano pretenden tamén introducir a natureza como aliada na recuperaci´n da identidade urbana, grazas á interacción de sons asociados á urbanidade e texturas e cores construídos con material vexetal, provocando un encontro  entre natureza e sociedade. Ademais, pretenden facernos reflexionar sobre a idea que temos de cómo será o noso entorno nun futuro, a necesidade de elementos da natureza para coidar da nosa saúde, a importancia da natureza para a economía, os efectos sobre o cambio climático ou, simplemente, a concordancia entre natureza e outros elementos como a música ou os aromas.

Xunto aos xardíns que compiten polos votos do 40.000 visitantes, aproximadamente, exhíbense tamén o xardín que realizan os alumnos do colexio Padre Feijóo de Allariz e o gañador da pasada edición “A música no xardín” o paraguaio Gabriel Ayala co seu xardín “A la IMAGINE de Allariz”. En total 12 xardíns que deixarán patente o nivel paisaxístico do evento.