O Concello de Allariz presentou hoxe un novo Punto Limpo Móbil, un vehículo 100% eléctrico, que busca mellorar a xestión de residuos e promover a economía circular. A alcaldesa, Cristina Cid, e o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, destacaron o compromiso do municipio coa sostibilidade e o coidado do medio ambiente.

O proxecto, “Adquisición dun vehículo eléctrico con punto limpo móbil do Concello de Allariz”, foi financiado a través dunha convocatoria da Xunta de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e cofinanciado polos Fondos Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, promovendo a transición ecolóxica e a modernización dos servizos públicos locais.

O vehículo está adaptado para:

  • Transporte e recollida de residuos, e servizos auxiliares de xardinería..

  • Facilitar o acceso ás parroquias e barrios mediante a caixa punto limpo móbil, a un servizo próximo de recollida de pequenos residuos (roupa, pilas, lámpadas, pequena ferralla, pantallas,…).

  • Traslado doutros materiais ou residuos voluminosos mediante unha caixa auxiliar.

Segundo a alcaldesa e o concelleiro:

“Trátase dun proxecto que combina innovación, eficiencia e compromiso co noso entorno. Queremos seguir avanzando cara a un Allariz máis verde e máis consciente.” E para iso as administracións debemos por os medios e todos e todas o compromiso de avanzar na sostibilidade.

Esta iniciativa representa un paso máis cara a un modelo de xestión ambiental máis sostible, no que Allariz leva tempo sendo líder a nivel galego, achegando á cidadanía novas ferramentas para fomentar boas prácticas ambientais.