O Concello de Allariz renovou, a semana pasada, o convenio de colaboración co Hotel Balneario Oca Vila de Allariz, co obxectivo de seguir facilitando o acceso ao seu espazo de Balneario á veciñanza empadroada no municipio.
A alcaldesa, Cristina Cid, e o director do hotel, Maike Pazos, asinaron este novo acordo, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2025. Grazas a este convenio, a veciñanza que conte ca tarxeta cidadá poderá desfrutar do Circuíto Termal, de domingo a venres, a un prezo reducido de 9,50 € (IVE incluído). O circuíto inclúe piscina activa con chorros, camas de oxixenación, jacuzzi, sauna e outros servizos relaxantes.
Ademais, aplicarase un 20% de desconto nas técnicas termais en cabinas durante os mesmos días, fomentando o coidado persoal e o benestar.
Para facer uso destes servizos, é necesario reservar cita previa no hotel, recomendándose facelo con polo menos 48 horas de antelación, e presentar o carné de cidadán no momento da visita.
A tarxeta cidadá pode ser solicitada por calquera persoa empadroada en Allariz, acudindo ás dependencias municipais en horario de atención ao público.
Desde o Concello destacan que esta iniciativa forma parte do compromiso por mellorar a calidade de vida da poboación, facilitando o acceso a espazos de lecer e saúde en colaboración co tecido hostaleiro e comercial local.